Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Galiza2009: Tempo de reflexión

O independentismo de esquerdas permanece na marxinalidade electoral

Menos de tres persoas por cada mil das que votaron o domingo optaron por algunha das dúas únicas forzas arredistas: FPG ou NÓS-UP.

Fernando Arrizado - 12:00 03/03/2009

O descontento por parte do electorado do BNG con algunhas das súas políticas dentro do Goberno bipartito alentou as esperanzas de cara a estas eleccións das forzas máis escoradas á esquerda dentro do independentismo. Tanto a Fronte Popular Galega como NÓS-Unidade Popular agardaban pescar votos no caladoiro dos nacionalistas defraudados.

Xurxo Martínez González, candidato da FPG polas listas de Pontevedra e colaborador habitual deste xornal, recoñece a circunstancia aínda que prefire restarlle importancia ao resultado, e lla dar ao xeito en que a formación fai partícipe a cidadanía dos movemento sociais. "O arredismo sempre foi unha opción con menos apoio; partimos dunha situación complicada para conseguir que a xente nos dea o seu voto", afirma.

A FPG non só non foi quen de aumentar o número de sufraxios e dar o salto cuantitativo que levan anos a buscar, senón que empeorou os seus resultados: conseguiu 2.736 votos nas eleccións deste domingo, 246 menos ca en 2005, é dicir, o 0,17% do total, unha centésima por baixo do acadado hai catro anos. "O último día antes das eleccións a xente vota fronte a algo: 'Fronte ao PP votamos isto'", xustifica en parte Xurxo Martínez.

Dende a formación mostran a súa preocupación polo éxito da "dereita españolista" de cara ao futuro, tanto pola maioría absoluta do Partido Popular como pola suba de UpyD, o partido de Rosa Díez. Xa non só polas previsíbeis políticas económicas que os populares van levar a cabo, senón tamén pola orientación cultural e lingüística do novo Goberno.

Martínez González considera que se chegou a esta situación en certa medida polas "políticas timoratas ou pouco ambiciosas do bipartito a nivel urbanístico, ambiental, lingüístico, ...". Máis concretamente, dentro do BNG e dentro do nacionalismo, afirma que "cómpre unha reflexión ampla, unha volta ao frontismo".

De cara ao futuro -dentro de dous anos volve haber eleccións municipais-, a FPG agardará a que se produza ese debate interno dentro do Bloque, que se defina a posibilidade de que os sectores críticos tomen unha postura e que se abra un abano de posibilidades, para resolver tamén eles as decisións políticas a adoptar.

Positivo a salientar para Xurxo Martínez é que se ha volver a mobilización social, logo de que durante estes últimos anos de goberno progresista "os sindicatos tentaron amainar os ventos". Augura, neste senso, que as centrais "tensarán a corda co empresariado" e que pola súa banda haberá que estar activos para combater as políticas económicas e laborais da dereita na rúa.

NÓS-UP tamén se estanca

Consultado por este medio, o responsábel nacional de Organización de NÓS-UP, Bruno Lopes, preferiu non facer valoracións sobre os resultados electorais até que os órganos de dirección fagan unha lectura máis detallada dos mesmos. Carlos Morais, membro da Dirección Nacional, informou de que este martes á tarde farán público un comunicado coa avaliación de NÓS-UP dos comicios.

A formación independentista, que ao igual que a FPG aspiraba a recoller algúns dos votos que o BNG supostamente podía perder pola esquerda dentro da corrente soberanista (eis o caso do ex responsábel de Acción Social do BNG na Arxentina, Guillermo Somoza), tamén baixou en número e en porcentaxe de votos.

En concreto, NÓS-UP perdeu 276 votos e unha centésima respecto a hai catro anos: en 2005 obtiveron 1.749 sufraxios, un 0,1% do total, mentres que o domingo chegaron aos 1.473, o 0,09% no conxunto de todo o país.

Sumando votos dunha e outra forza, obteríase un total de 4.209 votos (0,26%) por 4.731 (0,28%) de 2005. É dicir, entre dúas e tres persoas de cada mil das que exerceron o seu dereito ao voto nestes comicios deron o seu apoio a unha das dúas únicas forzas a nivel nacional que na actualidade se definen como independentistas e de esquerdas.


3,4/5 (20 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: