Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
VOTO EMIGRANTE

Feijoo agarda que o presidente “saia das urnas, e non das sacas”

O candidato popular rexeitou as acusacións que se están vertendo contra o seu partido, de empregar "un xogo sucio nas eleccións", e prometeu remitir unha "proposta completa" do Estatuto aos outros grupos.

Redacción - 13:56 27/02/2009
O líder popular en Ribeira, baixo unha pancarta na que se pode ler "Ribeira love Feijoo"

O líder popular en Ribeira, baixo unha pancarta na que se pode ler "Ribeira love Feijoo"

O candidato do PPdeG á presidencia do Goberno, Alberte Núñez Feijoo, asegurou esta sexta feira que non lle parece ben que ninguén faga un "xogo sucio" nestas eleccións, en relacións ás acusacións que recibira por parte do PSdeG e do BNG.

Nunha entrevista na Radio Galega, o líder popular sinalou: "non o vou facer, nin o fixen, nin me parece ben ningún xogo sucio nas eleccións", ao tempo que denunciaba malas prácticas por parte dos socialistas. "O PSOE está a repartir en todas as casas panfletos dicindo que son asinados por Baltar", o presidente da Deputación de Ourense, nas que "incita a todos a que anulen as papeletas de Ourense, suplantando a súa identidade". Nesta liña, seguiu dicindo que decidiu apartar ao número un da listaxe electoral popular por Ourense, Luis Carrera, "por non estar ao día con Facenda". "Se fose presidente do PSOE, co mesmo criterio co que actuei, non había levar de número un a Pachi Vázquez por Ourense", manifestou, en referencia a unha suposta obra irregular que se lle atribúe ao actual conselleiro de Medio Ambiente.

Pedindo perdón polos insultos de Baltar
Esta obra fora denunciada esta quinta feira, precisamente por Baltar, nun mitin en Ourense no que o presidente da entidade provincial referírase a Manuel Vázquez como "maricón, senvergoña e miserábel". Por estes insultos, e polos que lle proferiu o mesmo Baltar ao candidato do BNG, Anxo Quintana -ao que chamou "maltratador"-, Feijoo pediu desculpas e desmarcouse da actitude do líder popular da provincia Ourense, sinalando que non está de acordo coas declaracións que atacan a vida privada dos candidatos.

Feijoo tamén pediu desculpas polo acontecido con Luis Carrera, mais sinalando, á mesma vez, que "hai dúas varas de medir: a do PSOE, onde vale todo; e a do PP, onde non". Alén disto, aínda sinalou que agarda, pola súa parte, que o vindeiro presidente do noso país saia das urnas "e non das sacas".

"Compromiso de adelgazar o Goberno" e de "revisar o Estatuto"
En canto á súa candidatura, Feijoo reivindicouna como "a alternativa" en Galiza. Alén disto, dixo ter xa perfilado o seu Goberno, no caso de chegar á Xunta, no que hai "homes e mulleres á cabeza". Tamén trasladou á radio o seu compromiso de "adelgazar o Goberno", baixando o número de consellarías, de altos cargos e de delegados provinciais, e asegurou que, se é elixido, ha enviar "unha proposta completa do novo Estatuto, dentro da Constitución", a todos os grupos a oposición.

"Comprométome a deixar baleiras as aulas de ideoloxía, e enchelas de coñecemento"
Ao responderlle ao entrevistador á pregunta de se pensaba manter as Galescolas creadas polo bipartito, no caso de chegar ao poder, o líder popular dixo que entre as súas propostas, inclúe a de "crear cantas máis escolas infantís, mellor", mais subliñando que se compromete "a deixar baleiras as aulas de ideoloxía, e enchelas de coñecemento".

En canto á chamada "polémica da lingua", Feijoo recoñeceu que é "innecesaria", mais puntualizando que o galego "non pode ser un idioma imposto", que faga que "100 mil pais leven a Educación unha queixa" sobre isto. Tamén sinalou que lle resulta "sorprendente" que Touriño "estea farto das imposicións do galego por parte dos nacionalistas" e sentenciou: "haberá que axustar as decisións lingüísticas na vindeira lexislatura (...) Imos escoitar os pais e trasladar as súas propostas".


1/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: