Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Enquisa mundial de Gallup

"É a relixión unha parte importante da súa vida diaria?"

A porcentaxe de habitantes para os que si o é no Irán ou no Líbano, en Oriente Próximo, é idéntica á dos de Alabama ou Mississippi, en EUA.

Fernando Arrizado - 12:15 26/02/2009

Os baptistas de Alabama e os xiís do Irán non son tan diferentes como podería parecer. Precisamente iso, a súa condición de homes e mulleres relixiosos, a importancia que as súas crenzas teñen nas súas vidas, é o nexo principal de unión entre ambas as dúas poboacións.

Segundo unha enquisa elaborada pola empresa estadounidense Gallup, unha porcentaxe case idéntica de persoas en ambos os dous territorios -o 82% de alabamianos e o 83% de iranianos- afirman que a relixión é parte importante da súa vida diaria.

A mesma situación dáse ao comparar, por exemplo, Mississippi (85%) e o Líbano (86%), ou Tennesse (79%) e a India (79%). O inquérito está baseado en datos recollidos durante 2006, 2007 e 2008 en 143 países de todo o mundo. Nos 50 estados de EUA, a sondaxe actualízase diariamente.

Non son estes territorios, porén, os que ocupan os primeiros postos da listaxe dos máis influenciados pola relixión. O 100% dos exipcios consultados afírmano estar. Cun 99% sitúanse os habitantes de Bangladesh e Sri Lanka; e por tras aparecen, cun 98%, o Congo, Marrocos ou Senegal.

Do lado oposto, é dicir, os estados do mundo onde os participantes na enquisa din estar menos condicionados pola crenzas de fe, lidera a clasificación Estonia (ex república soviética) cun 14%. Séguena tres países nórdicos: Suecia (17%), Dinamarca (18%) e Noruega (20%).

Curiosidades

A sondaxe deixa datos curiosos. O primeiro é que aínda que varios estados dos EUA están entre os máis condicionados pola relixión, a Unión sitúase na media mundial debido ao contrapeso que efectuan os territorios do nordeste: Vermont (42%, ao igual que Suíza); New Hampshire (46%, similar a Corea do Sur); ou Massachusetts (48%, un pouco superior a Montenegro).

Outra curiosidade é que a Xeorxia (Georgia, en inglés) estadounidense e a Xeorxia (Sakartvelo, en xeorxiano) do Cáucaso obteñen resultados similares. Por último, salienta que no Estado de Israel, onde o integrismo ten un gran peso na política, tan só o 50% dos consultados recoñezan estar influenciados polas súas crenzas relixiosas.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



De verde oscura (máis) a verde clara (menos), a influencia da relixión na vida dos consultados (clique para ampliar)
De verde oscura (máis) a verde clara (menos), a influencia da relixión na vida dos consultados (clique para ampliar)
Os datos da enquisa reflictidos no mapa dos EUA (clique para ampliar)
Os datos da enquisa reflictidos no mapa dos EUA (clique para ampliar)