Unha páxina ofrece a posibilidade de apostar por quen será o vindeiro presidente da Xunta ou o partido máis votado.
Touriño é, segundo begawin.com, o mellor colocado para saír como presidente destas eleccións
A páxina de apostas deportivas begawin.com ofrece a posibilidade de xogar diñeiro en case tres mil eventos deportivos, máis tamén noutros cualificados como especiais onde están as eleccións á Xunta de Galiza e tamén as eleccións vascas. Así, ofrécese a posibilidade de apostar polo partido máis votado e tamén polo vindeiro presidente da Xunta.
No apartado do partido máis votado o favorito para begawin.com é o PPdeG, por cuxa vitoria só se pagaría 1.15€ por cada
euro apostado, mentres que no caso do PSdeG serían 3.20€ e no do BNG 15€. O posíbel presidente da Xunta que menos ganancias reporta é Touriño, que coa súa vitoria só produciría aos apostantes un lucro de 1.60€ por cada un que aposten; mentres que a vitoria de Feijoo págase a 1.75€ por euro e a de Quintana a 15€.
En Euskadi begawin.com desmárcase da igualdade que se prevé dende o comezo da campaña e aposta por unha vitoria clara do PNV. Así, a continuación de Juán José Ibarretxe como lehendakari só se paga a 1.30€ por cada un apostado, mentres que a vitoria de Patxi López multiplicaría por tres a cantidade apostada. O mesmo acontece no aspecto do partido máis votado, onde o PNV só ofrece unha ganancia de 1.15€ por cada euro apostado fronte aos 3€ do PSE-EE.