Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
ELECCIÓNS VASCAS

Patxi López aposta por gobernar en minoría con apoios puntuais

Durán i Lleida apelou en Donosti ao "voto útil" para evitar que o PNV perda o poder, mentres que o sindicalismo abertzale pediu o voto nulo.

Redacción - 19:15 25/02/2009

As eleccións vascas manteñen a dous días do remate da campaña o mesmo perfil baixo que as veu caracterizando mas últimas semanas. Os medios de comunicación estatais dedícanlle unha atención moitísimo menor da que adoitaban dedicarlle, centrados en escándalos, cacerías e dimisións, e mesmo na prensa vasca os comicios quedan relegados a un segundo plano pola bomba colocada por ETA ou o ataque con maza contra unha Herriko Taberna. E así vaise achegando a data dunhas eleccións que poden supoñer o primeiro cambio de goberno en Euskadi nos trinta anos de autonomía.

Nos últimos días e á vista das sondaxes favorábeis, a pregunta máis repetida comeza a ser con quen pacataría Patxi López para gobernar. O candidato socialista afirmou nunha entrevista en RNE que aposta por gobernar en maioría con apoios puntuais, descartando un pacto con PP e UPyD; López dixo que non lle "tenta" facer pactos "con quen está demostrando que o único que pon riba da mesa é antinacionalismo ou antisocialismo", e asegurou que non estaría de Lehendakari con Basagoiti de conselleiro. Ademais, o líder do PSE tamén descartou chegar a un acordo de goberno "cun PNV que ten como referencia a Ibarretxe, aínda que agora se agache en campaña detrás dese disfrace de xestor".

Pola súa banda, Felipe González interveu en Eibar nun mitin, onde lle pediu a Patxi López que "non ceda á tentación de non ser candidato a Lehendakari". Ao fío das dúbidas que poden xurdir no PSE sobre a eventual inconveniencia de se enfrontar co PNV á hora de disputar a presidencia do Goberno vasco, González apostou por "xogar ese tanto até o final" e mandar ao PNV á oposición "que xa é hora e non pasa nada".

Voto útil
Mentres, no PNV apélase ao 'voto útil' para se manter como primeira forza e evitar que PSE e PP sumen 38 deputado. O líder de Unió, Duran i Lleida, pediu en Donosti que o voto nacionalista se concentre para apoiar a Ibarretxe. En nome do nacionalismo catalán, desexou un goberno do PNV e despediuse co tradicional berro jeltzale: 'Gora Euskadi askatuta' (Viva Euskadi libre). Porén, dende Eusko Alkartasuna, o seu candidato Unai Ziarreta amosouse moi crítico co PNV e advertiu que Ibarretxe está disposto a ceder a cartera de Educación ao PSE, que ao seu xuízo imponría o "dereito á ignorancia" do euskera.

LAB, polo voto nulo
Finalmente, o ex secretario xeral de LAB, Rafa Díez Usabiaga, acompañado de dirixentes de distintos sindicatos abertzales, como EHNE, ESK e a propia LAB, pediu o voto nulo nas eleccións. Os participantes neste acto reclamaron un cambio real que rexeite de plano novas voltas na noria do autonomismo e con esquemas do pasado, un cambio que consideran imposíbel sen o concurso da esquerda abertzale. E por iso é polo que emprazaron á sociedade a que encha as urnas "con ese voto ilegalizado".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: