O xuíz Garzón pregunta a Anticorrupción se debe inhibirse en favor do Supremo, xa que hai un senador e un eurodeputado involucrados. O PPdeG non é alleo á situación.
O PPdeG non é alleo á situación
O xuíz da Audiencia Nacional Baltasar Garzón ditou esta cuarta feira unha providencia na que dá 48 horas á Fiscalía Anticorrupción para que o informe se debe inhibirse en favor do Tribunal Supremo.
O maxistrado asegura que a Policía presentou un novo informe este martes ás 15.30 horas onde se indica que na causa que investiga a suposta trama de corrupción relacionada coa 'Operación Gürtel' estarían implicados novos aforados.
En concreto habería indicios de responsabilidade penal contra un senador e un eurodeputado do Partido Popular, que segundo publica a prensa española, serían Luis Bárcenas, tesoureiro do PP, no primeiro caso, e Gerardo Galeote, eurodeputado popular, no segundo.
Conexión da suposta trama co PPdeG
A resolución do xuíz Garzón fíxose pública apenas unha hora despois de que o PP presentase ante o Alto Tribunal unha querela en contra do xuíz por prevaricación. Dende que se iniciou a operación foron saíndo á luz conexións dos 'populares' de todo o Estado coa suposta trama.
Tamén en Galiza, a relación entre o candidato número un pola Coruña, Carlos Negreira, e un dos detidos, o ex secretario de Organización do PPdeG, Pablo Crespo, está a resultar un lastre para os de Feijoo na campaña electoral.