Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TOPONIMIA E NOVAS TECNOLOXÍAS

Cando internet obriga a mudar o nome da túa vila

Eu, un concello francés, está a estudar a posibilidade de modificar a súa denominación porque non sae entre as primeiras entradas dos buscadores da rede.

Redacción - 19:00 25/02/2009

Con máis de oito mil habitantes e situada na Alta Normandía, a vila de Eu suma máis de mil anos de historia. Malia contar cun importante atractivo turístico, o seu nome está a ser un lastre para o seu coñecemento, fundamentalmente a través de internet. A cuestión é que "Eu", ademais de ser a denominación do histórico concello, é o participio pasado do verbo francés avoir (ter), o que relega as entradas referentes á vila aos últimos lugares de calquera buscador.

Se non saes en internet, non existes
A cuestión é que o turismo é unha das actividades que maiores ingresos reporta á vila e o goberno local estima que se poderían triplicar cun acceso máis doado dende a rede. Así as cousas, as opcións que formula a alcaldesa, Marie-Françoise Gaouyer, son dúas: ou ben pagar aos grandes buscadores, como Yahoo e Google, para que a localidade de Eu estea entre as súas primeiras entradas, ou ben mudar o seu nome.

Ambas as dúas opcións serán sometidas a referendo, de xeito que sexan os veciños os que opten por unha ou outra vía. Con todo, a alcaldesa xa dixo que lle parecía máis sensato o cambio de denominación, para o que propuxo variantes como Ville d'Eu, EU-le-Château ou EU-en-Normandie. Con todo, a proposta tamén conta con detractores, que lamentan a perda de identidade que leva canda si o cambio e apelan á historia do concello que atrae a tantos visitantes.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: