Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Galiza2009

"Queremos ser país de vangarda en Europa, nun gran mar de liberdade"

Quintana cita Castelao ao pé da Torre de Hércules para lembrar as arelas do BNG con respecto a Galiza: "Cumprir co pasado, e sementar futuro".

Redacción - 19:30 24/02/2009
Mitin de Ferrol (clique para ampliar)

Mitin de Ferrol (clique para ampliar)

O candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Anxo Quintana, visitou este martes o barrio de Montealto na Coruña e a Torre de Hércules, o único faro romano que funciona na actualidade e que está preseleccionado para ser declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

O nacionalista, ademais de salientar o valor patrimonial histórico do monumento, recordou tamén o seu "factor simbólico", "un elemento máis do coñecemento do país no mundo". Mais, ademais de "cumprir un compromiso co pasado, hai que sementar futuro", ilustrou.

Quintana, ao pé da Torre de Hércules -"aquí, mellor ca en ningún sitio, se pode comprobar a tradición galega de país envorcado no mar", expresou-, citou Castelao para sentenciar que Galiza ten que ser, como o faro, "ese país avanzado en Europa, nun inmenso mar de liberdade".

Candidato pola Coruña ou por Ourense?

Por outra banda, aproveitando a súa presenza na provincia pola que concorre como cabeza de cartel, preguntáronlle polo motivo da súa candidatura pola Coruña en lugar de o facer por Ourense, circunscrición que lle correspondería ao ser natural de Allariz.

Quintana lembrou que para o BNG é "tradición" que o candidato á Presidencia concorra pola provincia na que está a "capital", porque para os nacionalistas esta circunstancia ten "importancia" no sentido de Galiza "como país", e puxo o exemplo de Zapatero e Rajoy que nas xerais se presentan nas listas madrileñas e "a ninguén se lle ocorre" que non sexa así.

Debate "a dous ou a tres, a min tanto me ten"

Ademais, o candidato do BNG pechou este martes pola mañá o ciclo de Almorzos informativos organizado pola Asociación da Prensa da Coruña e alí lanzou un ultimato a Feijoo, retándoo a "cumprir coa cidadanía" e debater, "a dous ou a tres, coas condicións que el queira, a min tanto me ten", dixo.

Aínda que amosou a súa preferencia por un debate dos tres candidatos, Quintana asegurou que tamén está disposto a debater nun cara a cara, "sen condicións". Tamén, asegurou que o PPdeG "pinchou en oso coa súa campaña de mentira e difamación, porque no BNG estamos afeitos e só serve para nos animarnos", e prediciu un "grandísimo resultado este domingo 1 de marzo".

De feito augurou que a formación "subirá nas catro provincias", mais volveu avisar de que "se xogará por poucos votos" e de aí a "importancia" de que haxa unha votación masiva.

"Igual que o resto de nacionalidades do Estado"
Por outra banda, nunha entrevista en RNE, o candidato nacionalista insistiu en que Galiza necesita un novo Estatuto para se equiparar ás "outras nacionalidades do Estado" e que "non perda terreo", posto que "iso aos galegos, sexan ou non nacionalistas, non lles vai gustar". Neste senso, culpou o PPdeG que "se encargou, coa súa minoría de bloqueo, de que Galiza non tivese un novo Estatuto".


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Quintana este luns en Ferrol: "A victoria do BNG o día 1 será a derrota do caciquismo e a victoria da democracia" (clique para ampliar)
Quintana este luns en Ferrol: "A victoria do BNG o día 1 será a derrota do caciquismo e a victoria da democracia" (clique para ampliar)
Quintana, con membros do BNG, este martes na Coruña (clique para ampliar)
Quintana, con membros do BNG, este martes na Coruña (clique para ampliar)