Xisela Aranda apañou o seu terceiro campionato para menores de 23 anos, nun torneo onde as cinco primeiras posición foron para xogadoras galegas.
Xisela Aranda en plena acción
Cumpríronse os prognósticos no campionato estatal sub-23 de squash celebrado durante esta fin de semana nas instalacións de Balaidos e Xisela Aranda asoballou ás súas rivais, gañando por tres sets a cero todos os partidos que xogou. O torneo tivo unha gran acollida entre o público vigués que encheu o recinto para presenciar as finais. A gran noticia é que as xogadoras galegas ocuparon os cinco primeiros postos, e detrás de Aranda estiveron Ana Arousa, Carla Fernández, Ruth Camino e Sara Esperón. Aranda venceu na final á pontevedresa Ana Arousa, que deixou fóra da final á segunda favorita, Ruth Camino.
Malia as boas sensacións que Arousa deixou nas semifinais non puido facer nada na final contra Xisela Aranda, que acada así o seu terceiro título consecutivo de campioa sub-23. Aranda venceu todos os seus partidos por tres goles a cero, e confesou que o torneo resultou "máis sinxelo do que ela agardaba" mais atribuíu isto ao duro traballo que leva facendo para preparar os campionatos estatal e europeo. No squash feminino Galiza é a gran potencia estatal do futuro, e outro dato que ilustra con claridade esta realidade é o feito de que sete das 10 primeiras clasificadas son xogadoras galegas.
Carlos Cornes foi o mellor en homes
Na categoría masculina a vitoria final foi para Eduardo González, que se impuxo por tres sets a un a Diego López. O mellor galego foi Carlos Cornes, que chegaba como terceiro favorito e rematou na cuarta posición.