Coordinación e novas iniciativas deportivas coas que encher o tempo de lecer dos cativos é un dos retos fundamentais do goberno que saia das urnas o vindeiro 1 de marzo.
O fútbol segue sendo un dos deportes con máis usuarios entre os cativos
Facendo un repaso do acontecido no eido do deporte durante estes catro anos é inevitábel apreciar unha serie de iniciativas reclamadas dende fai tempo polos afeccionados ao deporte galego, como os eventos nos que participaron as nosas seleccións nacionais en deportes como o balonmán, fútbol, fútbol sala, remo, ou fútbol praia, entre outras. Outro grande paso é a consolidación do Xacobeo Galicia na elite do ciclismo mundial, co orgullo que supón para os galegos ver as cores irmandiñas na fura de diante, competindo cos mellores nas mellores carreiras. O caso do Xacobeo supón un claro exemplo de como as melloras na elite poden aumentar a popularidade dun deporte: o equipo naceu no 2007 e nese mesmo ano produciuse un aumento do número de licencias ciclistas no país, que pasaron de 2216 a 2639, o que supón un aumento do 19%. Este é o principal cabalo de batalla segundo os expertos cos que falamos, que coinciden en falar do aumento da participación en todos os eidos da sociedade como o primeiro paso a dar para acadar calquera mellora no deporte.
Dúas liñas de traballo compatíbeis
No fomento do deporte de base existe o dilema entre dúas liñas de traballo que non son incompatíbeis: o fomento da afección ao deporte entre os cativos e, por outro lado, o traballo que permita inculcar dende novos a concepción do deporte como unha fonte de saúde. Estas dúas liñas abárcaas a iniciativa Deporte na escola que dende o 2006 creou un círculo de intercambio para os diferentes colexios do país, onde os nenos mesturan unha variada oferta deportiva con outras actividades como diferentes xogos de preguntas e respostas, integradas no concurso "xogo cultural", no que participan os escolares de 1º e 2º de primaria. Aquí a dirección xeral para o Deporte fixo un investimento de seis millóns de euros e conseguiu subir a participación até 14.000 rapaces e rapazas procedentes de 228 centros, o que supón o 70% da primaria e o 30% da secundaria.
Mudanza do concepto de deporte polo de xogo
Este cambio de mentalidade é o maior avance que trouxo consigo o Deporte na escola, mais perderon a oportunidade de reivindicar formalmente esta mudanza dende o seu propio nome que podía ser perfectamente Xogo na escola. Isto é así porque mediante esta iniciativa preséntaselle aos nenos e nenas o taekwondo ou o baloncesto, por exemplo, como un pasatempo integrado nun conxunto de actividades, facendo así que sexan eles os que se interesen pola disciplina e disolvendo a tensión competitiva que adoita envolver o deporte. Ademais, a variedade de oferta deportiva evita a especialización de nenas e nenos, permitíndolles coñecer mais disciplinas antes de decantarse por aquelas ás que vai adicar máis tempo. O reto agora é construír unha ferramenta semellante capaz de integrarse con éxito no tempo de lecer dos nenos e nenas.
Retos do seguinte goberno: criterios comúns para artellar o deporte de base
Este é o seguinte punto, a organización da práctica deportiva para mozas e mozos. Até o momento aquí o traballo foi feito polas diferentes federacións e polos clubs. No caso destas últimas entidades é certo que as axudas recibidas da dirección xeral para o Deporte tiñan en conta a aqueles clubs que integraban na súa estrutura academias para os máis novos e, en base a isto, recibían maiores achegas económicas. Mais isto non é suficiente, e precísase un organismo que artelle fóra das escolas a práctica deportiva dos mozos e mozas, pensando sacarlle partido ás infraestruturas creadas e ao potencial deportivo do país apostando por unha unidade de actuación que non están en condicións implantar as federacións e clubs. Cómpre crear un organismo público que estableza uns criterios comúns para artellar a practica de deporte entre os cativos, igual que fai a nivel escolar o "Proxecto canteira" dende o 2007.
O outro gran reto do goberno que saia das furnas o 1 de marzo é seguir espallando a idea do deporte como unha ferramenta útil para mellorar a nosa saúde, e tamén entre os nenos debe estenderse esa idea. É habitual escoitar a expertos na materia dicir que é preciso rachar co sedentarismo da mocidade actual e aumentar o número de horas que adican a facer exercicio, para irnos achegando paulatinamente a países onde a porcentaxe de xente que practica o deporte está moi por enriba dos nosos índices, como é o caso especialmente dos países escandinavos.
Se continúa o actual goberno...
Se despois do 1 de marzo segue o actual pacto de goberno e o BNG segue acugulando as competencias deportivas a propón é a creación da figura do técnico comarcal de actividade física e do deporte e a creación dun Observatorio Galego da educación física e do Deporte, adicado a avaliar o traballo feito neste eido procurando melloras para o futuro. Tamén chama a atención a proposta de crear programas físico-educativos de base que atendan as necesidades dos nenos e nenas que teñen tres anos ou menos. A proposta estrela do PSdeG para o deporte de base é utilizar o potencial da Consellería de Educación para que o 90% dos escolares practiquen o deporte fóra do horario lectivo.
Se cambia o goberno...
Se o PP accede ao goberno da Xunta despois do 1 de marzo a súa proposta estaría baseada en fomentar o deporte dentro e fóra da escola e crear instalacións deportivas múltiples para que os pais con fillos novos podan practicar con eles o deporte nestes centros.