Mentres o equipo Berlusconi fai e desfai no executivo, os progresistas italianos fracasan na construción de alternativas.
A Dario Franceschini tócalle o temón do PD nunha feble situación / Imaxe: La Repubblica
O Partido Democrático (PD) parcheou en Italia apenas a crise na que vive inmerso coa votación en asemblea da candidatura de Dario Franceschini, número dous do dimitido Walter Veltroni, até a pasada semana secretario xeral e líder da formación de centroesquerda. A derrota sufrida pola formación nas eleccións da illa de Sardeña a mans da dereita, liderada a nivel estatal polo primeiro ministro Silvio Berlusconi, fixo que Veltroni decidise poñer o seu cargo a disposición da coordinadora da organización.
Franceschini será agora o encargado de dirixir a inestábel situación do PD, nun escenario onde xa non é bo agoiro a propia afluencia de apenas a metade dos delegados á reunión onde se decidiu o seu liderado provisional. Na súa intervención, subñiñou o agradecemento ao papel xogado por Veltroni, "o empurrón que necesitabamos", na construción da alternativa do PD. Franceschini dispón agora dunha relativa tregua interna até o mes de outubro, cando o partido celebrará un congreso, para ou ben consolidar o seu liderado ou favorecer unha reformulación do proxecto. O novo líder do PD aproveitou para zoupar en Berlusconi: "Non quere gobernar, senón só ser o patrón de Italia", acusouno.