Finalmente, o presidente Shimon Peres non foi quen de convencer a líder do Kadima, Tzipi Livni, de participar nun executivo de unión nacional.
Shimon Peres
O presidente israelí, Shimon Peres, decidiu encargarlle ao líder da dereita Benjamin Netanyahu a formación do novo goberno de Israel, informou este venres a Presidencia, logo de que a dirixente do Kadima (centro-dereita), Tzipi Livni, rexeitou formar parte dun gabinete de coalición.
"O presidente tomou a súa decisión no que se refire á formación do Goberno e a Presidencia convocará o deputado Benjamin Netanyahu (...) para lle confiar esta tarefa", declarou nun comunicado oficial.
Peres fracasou no seu intento de convencer o Netanyahu e a Livni, ministra de Exteriores en funcións, de formar un goberno de unión nacional dirixido polo primeiro. Esta última cualificou o equipo previsto por Netanyahu de "goberno sen visión política".
Dous estados
A líder do Kadima reiterou que o seu partido "quere unha solución de paz baseada en dous estados", un palestino e outro israelí, e acusou o futuro goberno de Netanyahu, que contará co apoio da extrema dereita, de se opor a iso.
Unha vez designado oficialmente, Netanyahu disporá dun prazo de 28 días, prolongábel 14 máis, para presentar a súa proposta de goberno ao parlamento.