O británico Richard Williamson, ao que Bieito XVI levantou a excomunión en xaneiro, deberá abandonar o país en dez días.
O goberno arxentino ordenou esta quinta feira a expulsión do bispo británico Richard Williamson, que deberá abandonar o país nun prazo máximo de dez días, entre outras razóns pola entrevista nun medio sueco onde negou a existencia do holocausto contra os xudeus por parte da Alemaña nazi.
A medida, adoptada polo Ministerio do Interior a través da Dirección Nacional de Migracións, insta o bispo a abandonar o país "no prazo perentorio de dez días baixo apercibimento de ser decretada a súa expulsión", segundo un comunicado recollido polo diario Clarín.
O Executivo argumenta a súa decisión en que Williamson declara ser "un empregado administrativo da asociación civil La Tradición, cando en realidade a súa verdadeira actividade era a de sacerdote e director do seminario lefebvrista que a Fraternidade San Pio X posúe na localidade de Moreno".
Ademais, ten en conta "a notoriedade pública logo das súas declaracións antisemitas a un medio sueco, nas cales puxo en dúbida que o pobo xudeu sexa vítima do Holocausto". O goberno arxentino criticou na nota que manifestacións como esas "agreden profundamente" a sociedade local, "o pobo xudeu e a humanidade, pretendendo negar unha comprobada verdade histórica".
Un mes de polémica
A polémica ao redor de Williamson saltou en xaneiro, cando o papa Bieito XVI decidiu levantarlle a excomunión como xesto cara aos sectores máis conservadores da Igrexa Católica.
Con todo, días despois, saíron á luz unhas declaracións de Williamson onde negaba a existencia das cámaras de gas, sinalaba que os mortos xudeus a mans dos nazis foron só "uns 200 mil ou 300 mil", e non os seis millóns estabelecidos historicamente.