Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En Alemaña

Robin Hood volve para defender as árbores

A policía detivo a activistas que resistían dende hai meses no bosque de Kelsterbach, para evitar que o esbandallasen coa ampliación do aeroporto de Frankfurt.

Redacción - 19:05 19/02/2009
Os axentes de policía, baixando polas cordas que tiveron que empregar no desaloxo

Os axentes de policía, baixando polas cordas que tiveron que empregar no desaloxo

A policía alemá detivo na mañá desta quinta feira un grupo duns 18 activistas e voluntarios que levaba 10 meses vivindo no bosque de Kersterbacher, tentando evitar que cortasen parte das súas árbores nos labores de ampliación do aeroporto de Frankfurt.

Pertencen á organización ecoloxista alemá Robin Hood, e como o dono orixinal deste nome, levaban tempo vivindo, acampados entre as árbores e mesma nas súas pólas, mais foron desaloxados, moi cedo de mañá, por escaladores profesionais e outros axentes da policía alemá. O labor das forzas de seguridade alemá non foi fácil, xa que había xente vivindo en cabanas de madeira situadas a máis de 15 metros de altura, e tiveron que empregar plataformas que elevaron con cordas para chegar aos activistas que resistían no alto. Os detidos foron conducidos á comisaría de policía de Frankfurt.

Como explicou Ute Bertrand dende a organización Robin Hood, na ampliación do aeroporto está previsto "cortar máis de 250 hectáreas de árbores deste bosque protexido para a construción dunha cuarta pista de aterraxe, unha instalación totalmente innecesaria". Para Bertrand, "a pesar de que hoxe -pola cuarta feira- fracasamos, esta protesta é sobre todo un símbolo de resistencia a unha actuación que consideramos inxusta". Además de defender o bosque, este colectivo pretende "facer presión ante os políticos para que lle poñan fin aos voos nocturnos "que supoñen un gran problema para a xente que vive perto do aeroporto".

Mentres, activistas e cidadáns alemáns seguen a apoiar coas súas sinaturas unha carta dirixida ao presidente do Estado Federal de Hessen, Roland Koch, e ao alcalde de Kelsterbach, Manfred Ockel, para que non permitan a destrución dos bosques desta zona.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: