Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
CARREIRA ELECTORAL

Quintana anuncia unha lei de mecenado deportivo

O líder do BNG deu un mitin en Vigo onde presentou as principais propostas da organización nacionalista no eido do deporte.

Redacción - 19:40 17/02/2009

Quintana falou no pavillón de Bouzas, en Vigo, sobre o programa do BNG para a seguinte lexislatura no eido do deporte. As principais novidades anunciadas polo líder do BNG foron a creación dunha lei de mecenado que asegure a práctica deportiva, un consorcio de deportes semellante ao que existe para xestionar as políticas de benestar e igualdade; ou a reivindicación da oficialidade das seleccións nacionais galegas.

Anxo Quintana apostou por unha lei de mecenado que inclúa beneficios fiscais para aquelas empresas que patrocinen a práctica deportiva. Con esta lei, o BNG pretende animar ás empresas a investir no deporte para garantir a súa estabilidade, mais tamén pensando na creación dunha "industria galega do deporte", concebida como un elemento capacitado para crear emprego e riqueza. Outro dos puntos fortes da política de deporte presentada pola organización nacionalista é a creación dun consorcio semellante ao existente para xestionar as políticas de igualdade e benestar. Con esta medida, Quintana defende o cambio "da política de subvención á de colaboración", evitando así ver a alcaldes "pedindo euros nos corredores dunha ou outra administración".

Apostou pola oficialidade das irmandiñas
O líder do BNG anunciou a intención de que o novo estatuto recolla a posibilidade de que Galiza cree as súas seleccións nacionais para participar en competicións internacionais. Quintana explicou que "o único que queremos é a existencia dun pais que quere ser el mesmo, que se quere dar a coñecer no mundo non porque practique a violencia, senón porque practica o deporte, que é do máis san".

O ex-alcalde de Allariz aproveitou o seu paso por Vigo para reunirse con deportistas de elite como Iván Raña, Pablo Cimadevila, ou o director do Xacobeo, Álvaro Pino. No encontro os deportistas trasladáronlle as súas preocupacións, e as posíbeis melloras que consideran necesario aplicar na vindeira lexislatura.


4/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: