O candidato socialista á presidencia da Xunta asegura que destinará o 0,7% á cooperación e propón aumentar o número de bolsas adicadas aos voluntarios.
Galiza destina actualmente o 0,1% do seu Produto Interior Bruto (PIB) a políticas de cooperación e voluntariado. O compromiso que achegou o candidato do PSdeG á Xunta de Galiza aos representantes de diferentes colectivos e ONG's en Santiago de Compostela é o de "duplicar o esforzo orzamentario nesta materia, para acadar o 0,7%". Ao tempo, apostou por aumentar o número de bolsas para os voluntarios e pola profesionalización dos cooperantes.
Facendo balance, Emilio Pérez Touriño admitiu que na última lexislatura o traballo neste eido "foi de mínimos" xa que "se tivo que partir de cero e asentar os alicerces para o cambio": "cando entramos na Xunta non existía ningún instrumento que canalizase as enerxías da sociedade, por iso creamos a Dirección Xeral de Cooperación Exterior", apuntou. Para o futuro, o compromiso é que as administracións se involucren nestes proxectos e asuman o seu importante papel, aproveitando os cimentos xa postos nestes últimos catro anos.
Finalmente, asegurou que a crise económica actual non suporá un recorte nas partidas destinadas á cooperación, senón que se reforzarán as políticas sociais que se levan a cabo no interior de Galiza "para superar a exclusión social, a marxinación, a fame e a pobreza". Así, puxo énfase na necesidade de "ser solidarios e comprometidos cos que están nas peores situacións", polo que adiantou que, se volve a ser presidente, promoverá "unha política pública activa, intelixente e decisiva" neste campo.