Fraga mantivo a maioría absoluta, pero o nacionalismo acadou o seu mellor resultado histórico, con 18 escanos.
Abel Caballero e Francisco Vázquez (que ascenderá á secretaría xeral do PSdeG-PSOE despois do fracaso de Antolín Sánchez Presedo en 1993) presentáronse ao día seguinte da derrota como únicos responsábeis, acusados por importantes sectores do partido de telos marxinado na campaña e na elaboración das listas. O partido caera até os quince deputados, que en realidade non era tales, pois dous correspondían a Geluco Guerreiro e Xosé Manuel Pazos, de Esquerda de Galicia, que pasaron ao grupo mixto. Beiras explicaba a devacle socialista en que o PSOE estivera catro anos ausente da política galega.
O BNG, que chegaba ás elección (así o indicaban tamén case todas as enquisas) como terceira forza, tendeulle a man a Abel Caballero en varias ocasións para chegar a un pacto. Porén, Caballero rexeitou sempre este ofrecemento, ou cando menos rexeitou falar del na campaña. Finalmente produciuse o 'sorpasso' e o BNG acadou o seu teito electoral nunhas autonómicas, rozando os 400 mil votos. Fíxoo a costa dos votantes socialistas, e despois de xuntar a todo o nacionalismo nunha única lista, na que Camilo Nogueira foi o número tres pola provincia da Coruña. O éxito do BNG animábao a ser moi optimista de cara ás municipais de 1999, pois superaba aos socialistas nas sete cidades (de xeito moi contundente en Vigo, Santiago ou Ferrol), nas que o PP ficaba lonxe da maioría absoluta.
O PP baseou a súa campaña no famosos Libros Brancos titulados xenericamente 'Galicia cara ao século XXI'. Os seis volumes pesaban nove quilos e catrocentos gramos e repasaban os logros materiais da xestión de Manuel Fraga, o mesmo que a cartelaría electoral: estradas, pavillóns, piscinas, 'Máis por Galicia' era o lema, que se acompañaba doutros, como 'Facendo país'. O PP renovou moito as súas listas, deixando fóra a 'históricos', como Vitorino Núñez, Vázquez Portomeñe ou Pérez Vidal.
O PP sufría o seu primeiro descenso dende a chegada de Fraga a Galiza, e o BNG estaba en auxe. Parecía que o cambio era posíbel, e que o país podía ter un presidente nacionalista. Despois pasou o que pasou.