Tras reflexionar que "as cousas van mal", preguntouse o líder do PP "que cambiou" ao longo desta lexislatura, sinalando que "os galegos non traballan menos que antes",
Apelou o líder do PpdeG, Alberto Núñez Feijoo, este luns por terras ourensás á política económica posta en marcha polo goberno español dirixido por José María Aznar en 1996, coa que, dixo, o PP demostrou que non se conforma "coa mediocridade" e, teimou, " é capaz de incrementar o emprego". Dese pasado botou man Feijoo para defender a súa receita fronte á actual situación de crise económica, que cualificou de "principal petición" da cidadanía para resolver. Despois de considerar que ao PP "sempre lle tocan os peores momentos para xestionar", Feijoo mostrouse convencido de que nesta ocasión o PP tamén poderá paliar a crise e, aínda que recoñeceu que non será unha época "moi lucida", engadiu que si sera "unha etapa lúcida".
No mesmo acto, falou de "galeguismo integrador" do PP fronte ao que cualificou de "nacionalismo excluínte" do BNG. Ao respecto, referiuse a Anxo Quintana cualificándoo de "señorito de Allariz" durante a súa intervención na propia localidade natal de Quintana, ante medio milleiro de persoas. En Allariz, tamén se referiu ao líder do PSdeG e actual presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, ao que cualificou como o "plomizo de Santiago" e recomendoulles "falar de Galiza" no canto de "piratas ou de espías".