Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Apertura de campaña do BNG

"Fixemos cambios transformadores, e a xente quere máis: nós tamén"

O voceiro nacional do Bloque, Anxo Quintana, lanzou oficialmente a campaña subliñando que a formación que lidera saberá darlle resposta

R. Noguerol - 01:30 13/02/2009

"O cambio transformador é unha realidade", subliñou o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, durante a súa intervención na medianoite deste xoves no acto co que os nacionalistas abriron a conta atrás cara á cita coas urnas o 1 de marzo. Aproveitou Quintana para resumir traxecto de goberno do Bloque os últimos tres anos e medio, expresando a súa convicción de que o nacionalismo foi quen de demostrar na práctica "que é útil para este país". Ao fío, apelou á mobilización cidadá en favor da súa formación, asegurando que o Bloque saberá darlle resposta ás "reclamacións" que chegan da cidadanía.

"Colocamos os alicerces", indicou Quintana, receitando "firmeza" e "paciencia" e apelando á "realidade" dos cambios que, na súa opinión responderon ás demandas da maioría social do país e fronte aos que, advertiu, reaccionou "unha minoría". "Agora non podemos dar pasos atrás", insistiu o candidato, "depende de todos que o proxecto de cambio transformador non se pare". Foi nese sentido que alertou contra a herdanza de cando Galiza, afirmou, "tiña un Goberno que eludía os problemas e escapaba da realidade". Ao fío, reclamou o apoio do electorado para que "non volva a Galiza escura, de antes, sen futuro, sen debates".

O voceiro nacional do BNG e candidato da formación á presidencia da Xunta, insistiu así na idea de que a súa formación "sabe escoitar a xente" e, na convicción de que a xente "quere máis cambios" prometeu que un "voto masivo" ao proxecto que lidera será un aval para afondar en "máis cambios". "Nós usamos o autogoberno para xerar benestar", afirmou recuperando unha das máximas máis escoitadas xa ao candidato durante a propia precampaña. "Pido o voto para ter un país máis forte e un Goberno para a xente", subliñou, "cada voto ao BNG é un paso adiante, tamén para que Galiza sexa recoñecida como nación".

O acto comezara, nas aforas da capital, no Multiusos do Sar, coa particular pedagoxía cómica ensaiada pola formación nesta precampaña, con entrega audiovisual tripla. Abriu a atención do auditorio unha brincadeira arredor da autoestrada AP9: "A culpa é nosa por deixar para os demais o que podería ser noso", desafiaba un dos actores. Seguiu o xa internauticamente exitoso produto "Eu (tamén) son Anxo Quintana" e pechou o reggaeton Quintana. De seguido, e atrás do atril desde onde falaría o candidato do BNG á presidencia da Xunta, unha pantalla decoraba o escenario coa imaxe de Quintana á beira dos principais cabezas de lista da formación nesta cita electoral, dos que a segunda na circunscrición d'A Coruña, Ana Pontón, acompañaba nesta noite o líder do Bloque. A pé da imaxe dos cinco protagonistas, os lemas elixidos para a esta pegada "virtual" de carteis electorais: "A vosa forza" e "Vota BNG".


4,2/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: