Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
PEGADA DE CARTEIS DO PSDEG-PSOE

Touriño abre a campaña pedindo "serenidade" e "participación"

O candidato socialista centrou o seu discurso na crise económica e polarizou as súas críticas no PP, obviando ao BNG na súa intervención.

Marcos S. Pérez - 01:30 13/02/2009

"Así me gusta: a música alegre, a cara esperanzada e moitas ganas. Imos gañar as eleccións". Pasaba un minuto da medianoite e Emilio Pérez Touriño comezaba deste xeito o seu primeiro discurso da campaña electoral. No claustro do convento de San Francisco, entre militantes e cargos socialistas, bandeiras galegas, e a música de Supergrass (alegre, si, 'we're young... feel alright', somos novos, síntete ben), Touriño deixou claros cales van ser as liñas máis importantes da campaña socialista. Unha campaña na que parte con varias vantaxes, comezando porque a fai dende a presidencia, dende a posición do gañador, e porque as enquisas indican que, a priori, se atopa nunha disposición idónea para repetir á fronte da Xunta.

É por iso que a estratexia socialista non arrisca, senón que mide os tempos. Xa dende hai semanas estamos vendo os carteis que presentan non ao 'Candidato Touriño', senón ao 'Presidente Touriño', nun intento de capitalizar electoralmente o feito de ocupar o mando da Xunta. Nun intento, así mesmo, de presentar a Touriño como o garante da orde, do diálogo, da serenidade, das posicións centradas, 'o presidente de todos e contra ninguén', din os carteis. "Serenidade", repetiu Touriño en varias ocasións, ao tempo que acusaba ao PP crispar a política e de dividir a sociedade galega. Foi o PP o albo de todas as críticas socialistas, nun discurso que en ningún momento fixo referencia ao BNG. Lealdade co seu socio de goberno ou un intento de polarizar a campaña entre os dous principais partidos?

A outra gran mensaxe que lanzou Touriño foi a da participación. "Nada está decidido, non creades as enquisas", dixo o candidato socialista, que animou a votar, en particular, aos mozos e mozas. Denunciou os intentos do PP de fomentar a abstención como recurso para obter a vitoria, e ao fío acusou aos populares de non crer nos galegos: "precisamente porque non cren nos galegos van perder as eleccións", dixo.

Media hora despois de comezar a súa intervención, Touriño pechou o seu discurso pedindo o voto para "continuar facendo o cambio" e afirmando que "os mellores anos de Galiza están por chegar". De novo as bandeiras, a música alegre e os abrazos. A campaña socialista ábrese con optimismo sincero e confianza, ben encarreirada. Torcerase nalgún momento?


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: