O Pescados Rubén Burela organiza un festival de orquestras para celebrar a súa boa tempada, na que xa acadou a clasificación para a fase de ascenso.
Os seareiros do Burela van de festa o 6 de marzo
O vindeiro 6 de marzo Burela está de festa para celebrar o bo ano do seu equipo de fútbol sala. O Pescados Rubén Burela organiza a primeira edición do Festival das Orquestras Burela FS que provocará unha gran festa no porto burelao, dende as 23.00 hora, coas orquestras Sintonía, Panorama e París de Noia. O motivo é a celebración do gran ano que completou o cadro adestrado por Juan Antonio Miguel García, que ocupa actualmente a primeira posición da División de Prata Norte e ten asegurada a súa presenza na loita polo ascenso.
Liga de ascenso
Ao Burela FS fáltanlle só dous partidos para pechar a liga regular e xa pensan no xeito de celebrar o bo ano que están realizando. Mais vai ser unha celebración efémera, porque o 21 de marzo comeza unha liga a ida e volta na que participarán os seis primeiros equipos da súa división. A última xornada deste pequeno campionato xógase o día 30 de maio e o primeiro clasificado acadará a clasificación directa para a División de Honra.
Para daquela espérase que o Burela FS prepare unha festa aínda maior, coa idea de celebrar a unión do seu nome aos de Lobelle e Ázkar como representantes do país na máxima categoría do fútbol sala estatal.