O líder da oposición e o presidente do país, Robert Mugabe, acordaran en setembro pasado aparcar as disputas e compartir o poder.
O líder da oposición en Cimbabue, Morgan Tsvangirai, xurou esta cuarta feira o cargo de primeiro ministro logo de meses de leas co presidente do país, Robert Mugabe, sobre as condicións do pacto para compartir o poder, acordado o pasado mes de setembro.
Tsvangirai, ex líder sindicalista de 56 anos coñecido pola dureza dos seus discursos, carece de experiencia como mandatario. Ademais, os críticos co seu Movemento polo Cambio Democrático (MDC) acúsano de ditatorial.
Mugabe, de 84 anos e un dos líderes máis cuestionados en Occidente, goberna Cimbabue dende que en 1980 conseguiu a independencia do Reino Unido. Á súa chegada ao poder desenvolveu políticas radicais de descolonización, como retirarlles as terras os brancos e devolverllas aos indíxenas negros.
Actualmente, o país está sumido nunha grave crise económica marcada pola hiperinflación, o racionamento de alimentos e unha epidemia de cólera letal.