Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Galiza2009

Exteriores deixa a criterio dos consulados expedir 'pasaportes express' para poder votar

PPdeG e BNG falan de "escándalo" e "manipulación", logo de que hai uns días o propio Moratinos rexeitase esta posibilidade.

F. A. - 19:40 09/02/2009

O Ministerio de Asuntos Exteriores asegurou este luns en declaracións a axencia de noticias Europa Press que os consulados lles poderán expedir pasaportes aos emigrantes con "validez temporal" se consideran que o dereito ao sufraxio o 1-M é unha "razón de urxencia ou necesidade".

Fontes deste departamento atribuíran o pasado venres a "unha confusión" que se barallase esta posibilidade, e o propio ministro Miguel Ángel Moratinos -coincidindo coa visita do presidente Emilio Pérez Touriño- tamén o rexeitou. Porén, agora deixan en mans dos consulados a última decisión, que aínda que "non é a norma", a actual normativa o contempla.

Din que, segundo o Acordo Europeo na materia, os consulados poden expedir pasaportes válidos só por un período dun ano por "razóns urxentes ou de necesidade", que estabelece cada consulado de forma discrecional. Tardan seis días en se tramitar e distínguense dos pasaportes ordinarios en que non teñen microchip.

A Xunta Electoral Central decidiu recentemente exixir que os emigrantes acompañen o seu voto dunha fotocopia do Documento de Identidade ou do pasaporte para poder votar, medida que o PSOE ameazou con recorrer no Tribunal Supremo.

PPdeG: "Sen interese non voto en urna"

Consultados por Vieiros, os voceiros parlamentarios de PPdeG e BNG durante a última lexislatura, Manuel Ruíz Rivas e Carlos Aymerich, respectivamente, amosaron o seu malestar por esta nova viraxe na polémica dos 'pasaportes express'.

O representante popular considerou claro que "o PSOE pon ao seu servizo os aparatos do Estado" e que "nunca tivo interese en que se votase en urna". Mentres, o PPdeG "trata de poñer trabas" a que se produza esta situación, asegurou, "a intención do PSOE dende un primeiro momento foi a de manipular".

Ruíz Rivas recordou o caso da axente electoral, ligou a creación das dúas delegacións da Xunta, en Bos Aires e Montevideo, coa cita electoral e puxo en dúbida o labor do embaixador Miguel Cortizo en Latinoamérica. O portavoz do PPdeG, que valorou a importancia "cualitativa" do voto emigrante, desexou que en calquera caso non se pase do "pasaporte express ao voto express".

BNG: "Quen manda no ministerio?"
Pola súa banda, o nacionalista Carlos Aymerich cualificou de "escándalo" a nova postura do Ministerio de Asuntos Exteriores, especialmente porque "o propio Moratinos descartou" esta posibilidade. "Demostra o que xa sabiamos todos, que a representación española traballa en favor dos intereses dos socialistas", sostivo.

Aymerich considerou que non se pode deixar a decisión de expedir o pasaporte ao "criterio arbitrario" de cada consulado, e que a Xunta Electoral Central debería actuar ben de oficio ben a instancias dalgunha formación. Por último, preguntouse "quen é quen manda no ministerio", se "Moratinos ou o delegado do PSOE en cada zona".


2/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Touriño está estes días na Arxentina. Na foto, nun mitin en Bos Aires
Touriño está estes días na Arxentina. Na foto, nun mitin en Bos Aires
Feijoo coincide co presidente na súa visita á diáspora arxentina. Na foto, nun mitin tamén en Bos Aires
Feijoo coincide co presidente na súa visita á diáspora arxentina. Na foto, nun mitin tamén en Bos Aires