O presidente fundador do PP, Manuel Fraga, avaliaba así a decisión do candidato popular, Alberto Núñez Feijoo, de apartar a Luís Carrera da candidatura por Ourense por irregularidades fiscais.
"Se había alguén que non podía imaxinarse que lle pasase foi a Xesús, que tivo un Xudas entre os doce Apóstolos," declarou Fraga para a Cadena Ser, agregando que se ao propio Cristo "lle pasou iso nunha selección de persoal, imaxine que non lle pasará aos pobres mortais". "Tamén lle pasou a Obama, que parecía infalíbel e tivo que retirar a algúns cargos", comentou.
Preguntado por como se solucionaba na súa época un problema de posible corrupción, Fraga respondeu que se atallaba rapidamente. "Cando se vía un caso de [corrupción] lonxe poñíao fóra de circulación, polas boas ou polas malas" explicou o ex líder do PP. O senador do PP Manuel Fraga eloxiou ao respecto a Alberto Núñez Feijoo, do que dixo que demostrara ter "unha grande experiencia". Doutra banda, e ante os "reproches" de que Núñez Feijoo non é tan "galeguista" como o é el, Fraga indicou que "está a actuar perfectamente" e aproveitou para aclarar as diferenzas que, na súa opinión, existen entre ser galeguista, como o é el, e nacionalista, que, ao seu xuízo, "é alta traizón".