O secretario de Organización e coordinador da campaña do BNG, Alberte Ansede, láiase de que o cambio desde 2005 apandase con estruturas burocráticas creadas durante a etapa do PP na Xunta.
Alberte Ansede valorou este domingo a xestión do Goberno nestes case catro anos coa premisa de que "hai que seguir avanzando" na próxima lexislatura baixo o lema nacionalista de 'Queremos máis'. Ao fío, censura Ansede no balance deste mandato non ser "capaces" de "remover" dos seus cargos as persoas que conformaban "o aparato burocrático administrativo" do ex presidente Manuel Fraga.
"Non ser capaces de romper co control burocrático administrativo de persoas incrustadas na administración dende hai moitos anos, que toman importantes decisións, e que viñan do equipo de Fraga", remarcou, nunha entrevista concedida a Europa Press, como punto negativo desta lexislatura. Neste sentido, precisou que "en moitos casos se seguiu confiando ás mesmas persoas que proviñan do equipo de Fraga e que teñen adquiridos uns vicios e unhas dependencias con grupos económicos" cos que, considerou, "o bipartito debeu ser máis contundente".
Pola contra, o punto forte destes catro anos é, para Ansede, "dende a perspectiva do BNG, a nova actitude do Goberno". Explicou ao respecto que "o primeiro, os intereses do país, que é o que nos impregna na nosa acción, e que rematou reflectíndose na defensa do agro, dos servizos sociais, da vivenda, da cultura ou da xestión eólica". En consonancia con este "cambio de actitude", Ansede rexeitou a "percepción" de que haxa certo grao de "decepción" na rúa. "Non percibo iso", insistiu, concedendo que "en todo caso, o que si hai é contestacións puntuais a medidas tomadas dende o Goberno, en concreto das áreas nacionalistas".
Unha circunstancia que na súa opinión habería que atribuírlle ao "cambio real de políticas, o que significou certa reacción daqueles sectores que gozaban de privilexios aos que se lles puxo fin". "Pretendían que o BNG seguise facendo unha política para minorías (como antes) e, a iso, non estamos dispostos", advertiu. Neste sentido, descartou que as cifras de indecisos que aparecen nas enquisas electorais se correspondan con persoas decepcionadas co pacto de Goberno e achacou estas respostas á "forma moi persoal de ser dos galegos".