O voceiro nacional do Bloque avisou de que quedar na casa o próximo 1M "será facerlle o xogo ao PP".
Insistiu o líder do BNG, Anxo Quintana, en que a abstención "non é unha posición neutra" o vindeiro 1 de marzo, indicando que "sería facerlle o xogo ao PP, que vai en coalición coa abstención a estas eleccións". Foi durante un acto político en Salvaterra, onde tamén argumentou que, diante das urnas, o mellor é a aposta "polo propio, polas forzas políticas propias do país". "Nós terremos erros, pero nunca nos equivocamos en contra dos intereses de Galiza", subliñou, asegurando que o nacionalismo ten en Galiza un "estilo propio con valentía e sen ataduras". "Non somos xente resignada, non calamos nunca", teimou.
Por outro lado, aproveitou para ironizar sobre a recente lea nas filas do PP e a expulsión do cabeza de lista por Ourense desa formación, Luís Carrera. "Ao PP non lle gusta a banca pública, a que lle gusta é a das illas Caimán", dixo en relación á orixe nese paraíso fiscal das irregularidades que implican o candidato do PP. Foi nesa liña que recordou a aposta dos nacionalistas pola creación dunha banca pública galega que facilite o acceso ao crédito a cidadáns e pequenos e medianos empresarios.
Censurou Quintana as declaracións do líder do PP afirmando que "iso pásalle a calquera", retrucándolle que "a calquera non, ou acaso todos vostedes teñen contas nas illas Caimán". No mesmo sentido, lembroulle a Feijoo que Carrera foi presentado no seu día como probábel futuro conselleiro de Economía, caso de gañar o PP, e que o propio Feijoo asegurara que "con el os cartos van estar ben gardados".