Baixo este lema celebrou esta fin de semana o Movemento pola Base a súa segunda asemblea nacional.
O debate de propostas e alternativas contra o neoliberalismo, o actual escenario de crise económica en Galiza e no mundo e a situación política e social no país foron algúns dos eixos do debate esta fin de semana da Asemblea Nacional do Movemento pola Base (MpB). De xeito concreto, tamén se analizou a liña de actuación a desenvolver os próximos meses por parte do colectivo na escena interna do BNG e da Confederación Intersindical Galega (CIG). O propio proceso recente de conformación das listas do Bloque para os comicios do 1 de marzo era un dos asuntos na axenda de debate, toda vez que desde Pola Base consideran que
O MpB foi "sempre leal", en palabras de Miguel Anxo Abraira, membro do Consello Nacional do BNG, e que esa actitude foi respondida desde a actual dirección da fronte coa exclusión das listas dos integrantes da formación. "Esa maioría que non nos ten en conta debería preguntarse que concepción do pluralismo ten e que é o que practica", censura Abraira.
"O MpB quere ser unha ferrramenta de transformación e emancipación para este país, polo que non defenderemos un modelo de sociedade que é asimilista e prosistema; queremos afastarnos do clientelismo político, do localismo e do acriticismo, así como recuperar para a política os valores do humanismo e da ética, que se respecte o pluralismo, polo que construiremos alternativas conxuntamente cos que se moven no tecido social galego", explicou Fermín Paz Lamigueiro, un dos voceiros do colectivo, nos días previos a esta reunión. Á porta dunha nova cita en Galiza coas urnas, Fermín Paz reparou especialmente no que considera que foi durante os últimos catro anos un "incumprimento sistemático das promesas e programas electorais". Subliña Paz que "é posíbel facer outras políticas, e hai que falar disto".