"As crises resólvense en 24 horas cando un é libre e só está suxeito aos principios", afirmou o líder do PPdeG durante a súa intervención.
"Eu non viaxarei como presidente da Xunta a Uruguai sen poñer en marcha, antes, a tarxeta sanitaria individual que por xustiza social deben ter os emigrantes". Velaí a promesa principal que expuxo o líder do PpdeG, Alberto Núñez Feijoo, durante un acto do seu partido en Montevideo onde, segundo as cifras dos populares, foron arredor de 1.500 galegos e galegas asentados nesa cidade os que se achegaron. "Non virei aquí de baleiro, e se veño non será a prometer, senón a confirmar que funciona aquilo co que terei cumprido", dixo Feijoo.
"Se os cidadáns queren xestión que nos apoien, se queren espectáculo, preferirán que continúe o bipartito", afirmou o candidato do PP á presidencia da Xunta. Ao tempo, censurou a propia visita por terras americanas de Emilio Pérez Touriño, recordándolle ao mandatario que prometera non saír de Galiza "até que o país superase a actual crise económica". Feijoo alertou da existencia de importantes debilidades da economía galega e falou da súa "indefensión" fronte ao crecemento do paro por riba da media de aumento estatal. Na opinión do líder do PP, boa parte do problema estaría na existencia de "dous partidos que non só improvisaron, senón que o fixeron por separado, descoordinados, contradicíndose, contraprogramándose e coincidindo nunha única cousa: os nefastos resultados da súa pésima xestión".