Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Defende a lei de comercio

Quintana receita fronte á crise: aposta polos produtos galegos e mellora do poder adquisitivo

"Fálase máis das grandes operacións financeiras que da vida real cotiá das persoas e familias", reprochou o voceiro do BNG.

Redacción - 10:00 07/02/2009

A idea de promover e impulsar "unha maior comercialización de produtos galegos" foi subliñada este venres polo líder do BNG, Anxo Quintana, durante a visita en Ourense a unha grande superficie comercial. "Somos un país cunha grande capacidade no sector agrario, gandeiro, na pesca e o noso reto é a transformación e comercialización", reflexionou ao respecto Quintana. Foi ao fío que recordou as declaracións recentes do ministro de Industria, Miguel Sebastián, quen fixera unha chamada a "consumir produtos españois". "Benvido á soberanía alimentaria", ironizou o voceiro nacional do Bloque ao respecto, asegurando que a súa formación política leva "moito tempo" reclamando o estabelecemento duns "circuítos de consumo" que potencien os produtos galegos. "Cando o facíamos acusábasenos de pailáns", censurou, "e ao final as cousas van indo ao seu sitio e acaban dándolle a razón ao BNG".

"Galiza ten músculo comercial, capacidade que se desenvolveu en proxectos que teñen avanzado moito", defendeu en favor da lei de comercio impulsada polo actual Goberno. Nese sentido, referiuse á "satisfacción" por ter sido un departamento xestionado polo BNG, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo, o que puxera en marcha ese marco legal, logrando un inédito consenso cos comerciantes. "Iso é a demostración de que o BNG é unha forza política que goberna pensando unicamente no país: nós non recibimos ordes de fóra e lexislamos tendo en conta os intereses dos galegos e galegas", insistiu.


Doutra banda, o candidato do BNG á presidencia da Xunta laiouse de que a miúdo no primeiro plano apareza máis "a marcha das entidades financeiras e as operacións bursátiles" e menos "a vida cotiá das persoas e as familias". "O momento de facer a compra é un bo termómetro para medir as dificultades que cada familia ten que vivir para poder chegar a fin de mes", subliñou. Nesa liña, referiuse á necesidade de desbotar a "vella fórmula" de dar a idea de que en tempo de crise, o mellor é practicar "unha desmesurada contención salarial". Fronte a iso, asegurou Anxo Quintana que a prioridade debera ser "mellorar o consumo, que só se pode mellorar se se mellora o poder adquisitivo dos salarios".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: