A Comisión Fiscal de Dinamarca propón que se cree unha taxa do clima, que grave os peidos que xeren vacas e porcos.
Fiscalizar a contaminación non é xa unha novidade en ningún país. Con todo, Dinamarca dá un paso aínda máis alá ao introducir novos impostos sobre os efectos ambientais xerados, en concreto, polas vacas e polos porcos. A Comisión Fiscal de Dinamarca propón que os gandeiros paguen o chamado "imposto do clima" sobre o gas metano que produce o gando cos seus peidos.
Segundo este organismo, unha vaca emite á atmosfera o equivalente a unhas catro toneladas de CO2 ao ano (unha cifra máis elevada que a que desprende, por exemplo, un coche común que só chega ás 2,7 toneladas). O razoamento é sinxelo: se os propietarios dos vehículos teñen que facer fronte a cargas fiscais polas súas emisións, por que non o van facer os donos dos animais?
A Comisión considera que, ao aplicar este imposto, reducirase sensibelmente a cabana danesa, o que daría como resultado unha menor emisión de gases á atmosfera nesta zona do mundo. Ademais, aplicando as tarifas impositivas actualmente en vigor para as emisións do CO2, o Estado recadaría entre 340 e 500 millóns de coroas, é dicir, entre 59 e 67 millóns de euros.