Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito en Sri Lanka

Á ofensiva militar sobre a guerrilla tamil súmase a presión internacional

EUA, UE, Xapón e Noruega dan os rebeldes por derrotados, inmersos na "batalla final" anunciada polo Exército cingalés, e pídenlles que negocien.

Redacción - 19:00 03/02/2009
O LTTE está ben asentado no norte

O LTTE está ben asentado no norte

Os Estados Unidos, a Unión Europea, Xapón e Noruega instaron a guerrilla tamil LTTE (Tigres para a Liberación da Patria Tamil) a rematar coas hostilidades e negociar co goberno de Sri Lanka para evitar máis mortes na zona independentista -o norte e o leste- da illa asiática.

O Exército cingalés iniciou a "batalla final" para acabar cos rebeldes, logo de conquistar a capital tamil, Kilinochi. "Queda pouco tempo para que a guerrilla perda o control sobre todas as áreas do norte do país", di un comunicado conxunto dos países, polo que lles piden ao LTTE e ao goberno de Sri Lanka que eviten "a perda de vidas humanas" e aos primeiros, que negocien.

Nos últimos días, uns e outros acusáronse mutuamente de lanzar ofensivas contra áreas de seguridade delimitadas polo Exército como refuxio para a poboación civil. Os militares advertiron esta semana que non poderían garantir a seguridade das 250 mil persoas que se calcula hai no distrito tamil de Mullaitivu, no nordeste.

Máis de dúas décadas de loita

O LTTE loita dende hai máis de dúas décadas para conseguir un estado independente, o Tamil Eelan, nas rexións do leste e do norte do país, onde a etnia tamil é maioritaria, fronte á cingalesa que domina o resto da illa do Índico.

Hai pouco máis dun ano, o 16 de xaneiro de 2008, o goberno de Sri Lanka rompeu unilateralmente os acordos de cesamento do fogo subscritos en 2002 e devolveu o país ao estado de guerra. Así e todo, os combates entre Exército -que bombardeou aldeas tamil en varias ocasións- e LTTE -que realizou ataques con bomba en localidades do sur- eran xa constantes.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: