A competición está recollida dentro da Clase A, a agrupación de probas mellor cualificadas pola Federación Mundial de Taekwondo.
Entre os días 12 e 15 de febreiro vaise disputar na cidade estadounidense de Las Vegas un aberto de taekwondo cualificado pola federación internacional como evento de Clase A. O equipo galego estará integrado na selección estatal e compóñeno un técnico, unha árbitra e cinco deportistas. Os taekwondistas son Andrea Rica, Estefanía Hernández, José Fernández, José Antonio Carregal e Belén Asensio. Con eles viaxarán o vindeiro martes o técnico Jesús Benito e a árbitra María Bautista.
Esta competición serve á maioría dos deportistas para abrir o ano e coincide co comezo da olimpíada de Londres 2012. Como o taekwondo é un deporte de normas variábeis, os dous primeiros anos dos ciclos olímpicos adoitan ser usados para acordar as regras que se rematan establecendo nas competicións dos Xogos Olímpicos. Isto é o que está acontecendo actualmente e en Las Vegas poranse en práctica algunhas das normas que debateu nos últimos meses a federación internacional, destinadas a aumentar a espectacularidade do taekwondo.
Unha vez máis o taekwondo galego loita coa elite mundial e, novamente, moitos deles fano con serias opcións de acadar medallas.