Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
COPYRIGHT

Irlanda súmase aos cortes a internautas que descarguen música

Mentres, o Ministerio de Cultura español recoméndalles ás universidades que filtren o tráfico P2P para detectar "arquivos ilegais".

Redacción - 09:00 03/02/2009

O sistema dos "tres avisos" contra a descarga de contidos protexidos por dereitos de autor xa chegou a Irlanda. A industria discográfica da illa, representada pola organización IRMA, chegou a un acordo co provedor de internet Eircom, despois dun litixio xudicial, para que discrimine os contidos nas súas redes.

Segundo o acordo, o fornecedor, unha vez recibida unha listaxe de enderezos IP facilitada pola industria musical, informará, nun primeiro momento os usuarios de banda larga afectados que se detectou unha infracción de dereitos de autor, despois advertiráselle de que se non cesa esas infraccións será desconectado e, finalmente, cortaráselle a conexión á internet se non responde ao aviso.

Eircom optou por non defender un caso que podería rematar nun proceso xudicial para toda a súa clientela. Porén, agora eses mesmos usuarios e usuarias non poderán reclamar se son acusados de infracción. Só precisarán de tres acusacións dun reducido grupo de compañías de terceiros para quedar sen conexión.

O acordo especifica que a IRMA tamén dará "todos os pasos necesarios" para chegar aos mesmos compromisos cos competidores de Eircom, probabelmente seguindo a mesma estratexia de ameazas legais.

O Ministerio advirte as universidades

Na mesma liña, o Ministerio de Cultura español propúxolle a filtraxe do tráfico P2P aos responsábeis das diferentes universidades. Unha guía distribuída entre as institucións académicas para "garantir o respecto e o cumprimento da propiedade intelectual nas súas redes informáticas" advirte de perigos como virus, programas espías e "procesos xudiciais pola vía civil e penal".

A mesma guía asegura que o intercambio de arquivos "consome unha gran parte da rede da institución académica e do largo de banda da internet, reducindo a produtividade". Para evitalo, propón o uso dun software concreto, Copysense, que permite identificar as gravacións "non autorizadas" e bloquealas. A guía, co selo do Ministerio, contén o texto exacto das recomendacións da Federación Internacional da Industria Fonográfica (IFPI), sen sequera estar adaptado á lexislación do Estado Español.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: