O deputado Gaspar Llamazares presentou unha pregunta por escrito consultando se o executivo ten previsto cambiar a denominación da radio estatal.
"A nomenclatura de Radio Nacional de España ten connotacións franquistas". Así o considera Izquierda Unida, quen xa solicitou que a emisora mude o seu nome para deixar atrás as reminiscencias do período ditatorial. Gaspar Llamazares dirixiu a solicitude por escrito ao goberno do Estado Español e propuxo como nome alternativo o de Radio Española, tomando como exemplo o caso da televisión estatal, que recibe o nome de Televisión Española, evitando así calquera tipo de apelación á "unidade nacional".
Quen ten competencia?
O executivo remitiu a pregunta parlamentaria ao presidente da Corporación RTVE, Luis Fernández, quen, á súa vez, respondeu que non é competencia súa dar resposta ás preguntas formuladas ao goberno. Pola súa parte, Llamazares entendeu que con esta acción, "o goberno de Zapatero só quere eludir a súa responsabilidade e evitar unha pronunciación sobre o tema".