O equipo de Lotina gañou con autoridade ao Vilareal. Pola súa parte o Celta só puido traer un punto da súa visita a Xirona.
Despois de apañar cinco derrotas consecutivas entre as competicións de liga e copa, o Deportivo recuperou este domingo o doce sabor da vitoria, e fíxoo partillando unha grande tarde de fútbol coa súa afección. Os de Lotina comezaron marcando moi cedo, no minuto dous, cando Lafita culmina con solvencia unha acción na que conseguiu atoparse libre de marcaxe na área de Diego López. Despois dunha primeira parte sen moitos máis sobresaltos o Deportivo volveu do descanso decidido a fulminar ao Vilareal.
O marcador non tardou en reflectir o vigor co que o Deportivo acurralou ao Vilareal, e aos 20 minutos da segunda parte o resultado era de tres a cero, gracias ao segundo gol de Lafita e o primeiro de Riki. Despois disto os porteiros tomaron o protagonismo absoluto até que o árbitro, Velasco Carballo, pitou o final do encontro. Así, Dani Aranzubia detivo un penalti ao brasileiro Marcos Senna e Diego López fartouse de realizar meritorias intervencións na súa volta ao estadio no que fai pouco máis dun mes defendeu as cores irmandiñas. Con este triunfo o Deportivo sobe até a sexta posición da liga, volvendo así ás posicións europeas.
O Celta deixa escapar dous puntos
Na segunda división o Celta desaproveitou o sábado unha grande oportunidade de vencer no difícil campo do Xirona. O equipo que adestra Pepe Murcia adiantouse no marcador cun gol de Dinei ao comezar a segunda metade, pero dous claros erros do defensa central Juán Manuel Peña permitiron aos cataláns dar a volta ao marcador. Despois un gol de Ghilas puxo o definitivo empate a dous, co que o Celta fica a catro puntos das posicións de ascenso.