A Xunta aprobou a creación deste espazo de especial protección para favorecer a rexeneración dos recursos pesqueiros.
Primeiro foi Lira (Carnota) e agora será a quenda de Cedeira. Logo de que máis de ano e medio de que a reserva mariña Os Miñarzos recibise o apoio da Xunta de Galiza, superase as iniciais reticencias dalgúns mariñeiros e demostrase a súa rendibilidade, a Confraría de Pescadores de Cedeira tamén se incorporará a esta vía de desenvolvemento sustentábel.
Obxectivo: recuperar a pesca
O goberno galego aprobou este xoves a creación desta nova reserva, que se situará na Ría de Cedeira e que constituirá unha zona de especial interese para preservar e rexenerar os recursos pesqueiros. O obxectivo é facer compatíbel a protección ambiental e a explotación das distintas especies que son propias desta zona. En concreto, esta área estará integrada pola reserva integral situada en Esteiro, onde estará vedada a extracción de todo tipo de recursos. Canda dela, desígnanse zonas de especial protección Vilarrube e a Boca da Ría. Nestas dúas poderán faenar as embarcacións tradicionais que terán permitida a pesca de ourizo, percebe, navalla ou longueirón e tamén estará autorizado o marisqueo a pé.
Plan de xestión
A partir de agora abrirase un prazo de seis meses para a formación dun órgano de xestión, que estará integrado por oito membros (tres representantes de Pesca, un de Medio Ambiente e outro do sector, tres da confraría de Cedeira e un da Federación Galega de Confrarías de Pescadores. Esta entidade encargarase de avaliar o estado e evolución da reserva e, ademais, será o encargado de elaborar un plan de xestión integral, no que tamén tomarán parte as asociacións de profesionais que teñan permiso para traballar na reserva. Estas últimas formarán parte dun censo de titulares que deberán recibir a aprobación da Consellaría de Pesca.
Máis reservas
O goberno prevé crear máis reservas mariñas por todo o país. Segundo adiantou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a intención é poñer en marcha proxectos similares na Ría de Viveiro (Lugo), Aguiño (Vilagarcía de Arousa) e Camelle.