Máis aló de PPdeG, PSdeG e BNG, abrollan un feixe de listas. De UPyD a SDD, facemos un repaso de todas.
Dúas candidaturas presentan lista só na Coruña: Solidariedade e Autoxestión Internacionalista (SAIn) e Asemblea de Votación Electrónica (AVE)
Só tres das nove formacións que concorren por primeira vez ás eleccións galegas van presentar candidatos polas catro provincias, mentres que outra nova forza aparece en tres das circunscricións. Segundo as listas publicadas este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG), entre as novidades que abranguen toda a xeografía galega aparecen Unión, Progreso y Democracia (UPyD), Por un mundo máis xusto (PUM+J) e Terra Galega (TeGa). Tamén +Galicia (+G), que non poderá ser votada en Ourense.
Outros partidos só se presentarán por dúas provincias: Unión Centrista Liberal (UCL) --A Coruña e Ourense--, Galicia Unida (GU) --Lugo e Ourense-- e Os Verdes --A Coruña e Pontevedra. Ademais, os votantes coruñeses contarán con dúas candidaturas únicas: Solidariedade e Autoxestión Internacionalista (SAIn) e Asemblea de Votación Electrónica (AVE). Así, A Coruña será a provincia que ofreza máis opcións aos seus electores, posto que conta cun total de 15 candidaturas. Por detrás colócanse Ourense e Pontevedra, con 14 cada unha, e pecha Lugo, cunha lista de 13 partidos entre os que os cidadáns poden elixir.
Por outra banda, sete formacións políticas someteranse á confianza dos cidadáns galegos o 1 de marzo co obxectivo de saltar a barreira do cinco por cento que lles permita lograr un escano no Parlamento de Galicia e listas completas nas catro provincias. Deste modo, Esquerda Unida (EU-IU), Nós-Unidade Popular (Nós-UP), Fronte Popular Galega (FPG) e Partido Humanista (PH) repiten candidatura por todas as provincias galegas; mentres que Falange Española de las JONS só renuncia á coruñesa. Ademais, Ourense conta coa candidatura propia de Democracia Ourensana (D.O.) e só os pontevedreses poderán votar por Partido Social e Democrático (SDD).
O arco electoral complétase cos tres partidos con representación na Cámara galega, o Partido Popular de Galicia (PPdeG), o Partido Socialista de Galicia (PSdeG) e o Bloque Nacionalista Galego (BNG).