Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
25 ANIVERSARIO

Roberto Pascual toma a remuda na Mostra de Ribadavia

A edición deste ano, que comezará o 17 de xullo, celebrará o cuarto de século do evento e homenaxeará ao finado Rubén García.

Redacción - 13:55 28/01/2009

O 21 de outubro do pasado ano morría Rubén García, director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) dende a súa creación en 1984. Rubén García era máis que o director, era a alma da mostra, e o principal responsábel de que neste tempo se consolidase como unha cita clave na tempada teatral en toda a Península. Este martes Roberto Pascual, crítico e profesor da Escola Galega de Arte Dramática, tomou a remuda, converténdose no novo director da MIT.

Pascual será o encargado de organizar a edición deste ano, no que se celebra o 25º aniversario da Mostra. Faino coa responsabilidade de manter e superar o nivel deixado polo equipo que o precedeu, e co obxectivo de converter a MIT nun referente á altura dos festivais de teatro de Edimburgo ou Almagro. A edición 2009 comezará o 17 de xullo cunha homenaxe ao finado Rubén García e unha retrospectiva da propia mostra e da importancia do teatro na historia contemporánea de Ribadavia.

Este martes anunciouse que se manterá a convocatoria do premio Abrente de Teatro, creado en 2006, e que ademais se publicarán as obras dos gañadores de anos anteriores, algo que até agora non fora posíbel. Memoria de Helena e María de Roberto Salgueiro (2006), Octavius Augustus de Antonio Yáñez Casal (2007) e Augusta de Carlos Losada (2008) serán editadas pola ourensá Difusora de Letras e Ideas.

Así mesmo, para dar forma ao evento e axudar á súa promoción crearase un consello asesor formado pola actriz e xornalista Comba Campoy (responsábel de comunicación e identidade corporativa), Inma López Silva (políticas de calidade), o dramaturgo Rubén Ruibal (que se encargará da selección dos invitados internacionais), o experto en animación teatral Héctor Pose (actividades formativas) e Manuel Vieites, director da Escola Galega de Arte Dramática, que será o responsábel das relacións institucionais.


4,56/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: