Touriño tamén falou da creación no ámbito sanitario dunha "Lei de tempos de espera" que rebaixe a 50 días o tempo máximo de espera en cirurxía e 30 días o das consultas.
Baixo paneis co lema "O Presidente", Emilio Pérez Touriño participou este martes en Ferrol nun novo acto preelectoral temático do PSdeG, desta volta adicado á área de atención á dependencia. Durante a súa intervención, o secretario xeral dos socialistas galegos subliñou como iniciativa estrela neste ámbito o "desenvolvemento da Lei de Dependencia", cuxa aplicación garantirá atención, asegurou Touriño, para 50 mil persoas, e permitirá neste ámbito a creación de 15 mil empregos. Vencellado ao tema, avanzou ademais a creación dunha rede de unidades extrahospitalarias de psicoxeriatría, e a creación dun programa específico de atención á dependencia nas persoas maiores. De xeito concreto, anunciou que o Goberno prevé a creación de até 18 centros de atención a persoas con alzheimer e outras demencias.
Doutra banda, falou Pérez Touriño da intención do seu partido de botar adiante na próxima lexislatura unha Lei de Integración Laboral para Persoas con Minusvalidez, proxecto que segundo avalían, permitirá impulsar o emprego de até 10 mil persoas con minusvalía. A norma contempla tamén a creación dun salario de integración que se aproximará ao 70% do salario mínimo interprofesional e do que se poderían beneficiar "até 5 mil persoas". "Ábrese a porta do mundo laboral para, cando menos, o 60% das persoas con minusvalía", sinalou.
Por outro lado, e desta volta usando o espazo Touriño.tv posto en marcha recentemente polo seu partido, o líder dos socialistas avanzou a posta en marcha dunha "Lei de tempos de espera" que, segundo salientou, permitiría rebaixar a 50 días o tempo máximo de espera para as intervencións cirúrxicas e a 30 días o das consultas. "A Lei garantirá que calquera galego reciba a atención necesaria dentro do sistema sanitario neses tempos máximos", insistiu, asegurando que a Xunta reduciu nos últimos catro anos esas listas de espera dunha media de 137 até 70 días no caso de intervencións cirúrxicas.