Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
72 localizados na última década

"Barda", o lobo mariño rescatado do temporal

 Os lobos mariños cincentos nacen entre setembro e outubro nas costas de Irlanda e chegan ata as costas galegas a partir de principios de ano.

Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños - CEMMA - 19:57 27/01/2009
Tags:
Barda

Barda

 Os lobos marinos cincentos (Halichoerus grypus) nacen entre setembro e outubro nas costas de Irlanda e chegan ata as costas galegas a partir de principios de ano. BARDA tivo a sorte de ser rescatado uns días antes da chegada deste tremendo temporal que estamos vivindo.

Desde o ano 1999 a Coordinadora para o Estudio dos mamíferos Mariños, (CEMMA) é a entidade responsable diante da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia do rexistro, asistencia, recuperación e liberación das tartarugas e mamíferos mariños varados ou capturados accidentalmente por interacción con artes de pesca. Este traballo atópase enmarcado na colaboración que ambas entidades levan adiante para o establecemento da Rede de Varamentos de Galicia coordinada pola CEMMA.

Entre o ano 1999 e 2009 a CEMMA leva rexistrando un total de 72 lobos mariños, pertencentes a dúas especies, lobo mariño cincento e lobo mariño de capelo (Cysophora cristata). Case a metade dos exemplares foron localizados con vida, o 45%, e sobre os cales son susceptibles de levar a cabo labores de rehabilitación. Despois da recuperación, a CEMMA conseguiu devolver ao seu medio un total de 17 exemplares. O 60% dos lobos mariños cincentos foron rescatados con vida e devoltos con éxito ao mar.

A chegada
O frío sábado día 17 de xaneiro as cinco da tarde recibimos o aviso da presenza dun lobo mariño que debilmente, e con esforzo, saída da auga entre a ondaxe, na praia da Barda, en Corme, Ponteceso. Unha veciña co teléfono na man, mentres daba a alerta, preguntábase quen ía a axudar ao animal un sábado pola tarde alá na fin do mundo. Mais, alá foi a Unidade Móbil da CEMMA con base en Ferrol, contando co apoio de Protección Civil, Guardia Civil e Guardería de Medio Ambiente. Todos os esforzos eran poucos para tratar de rescatar ao lobo mariño dunha morte segura.
Afortunadamente o cansanzo e o esgotamento do exemplar non lle permitían volver ao mar esa tarde, se chegara a aguantar uns días máis no mar, o seu corpo seguiría o mesmo camiño que o do exemplar localizado o sábado 24 pola CEMMA na praia de Melide, en Cangas, un corpo inerte destrozado pola forza do mar.

A Unidade de Coidados Intensivos de Ferrol
En canto o exemplar foi recollido pola Unidade móbil da CEMMA, o dispositivo de rescate daba comenzo. Unha longa carreira ata a Unidade de Coidados Intensivos, respectando os límites de velocidade, era o que había salvar a vida de BARDA.

A CEMMA conta coa colaboración da Sociedade Galega de Historia Natural que pon a súa disposición a Unidade de Recepción de Fauna e Coidados Intensivos de Ferrol onde unha vez transladado o lobo mariño, superará as primeiras fases da recuperación.

Os primeiros momentos foron angustiosos dado que o estado do animal non permitía demasiadas esperanzas, a ausencia de forzas, a deshidratación e o esgotamento minaba os ánimos do equipo de asistencia que agardaba un triste desenlace. A asistencia do equipo veterinario dende o primeiro momento marcaba as pautas do rescate e a rehabilitación.

Unha vez instalado na Unidade de Coidados Intensivos BARDA superaba a primeira noite con éxito, na mañá seguinte a toma de datos, o diagnóstico e a primeira aplicación do tratamento melloraba o seu aspecto e situación.
Día tras días BARDA foi gañando forza e aprendendo a comer, cousa que conseguiu el absolutamente só hoxe mesmo. Neste tempo tratóuselle a lixeira afección pulmonar e alimentouse debidamente. A primeira fase da rehabilitación está en marcha e nun par de semanas chegará ao seu fin.

A segunda parte da rehabilitación será levada a cabo grazas a cesión dunha piscina no acuario do Grove, de 15x5 metros e perfectamente illada para non mermar a capacidade de rehabilitación, onde poida exercitar a musculatura e gañar peso, como se leva facendo dende hai dez anos.

Necesidades de instalación de recuperación
Este venres día 23 o Conselleiro de Medio Ambiente presentou publicamente as instalacións do novo Centro de Recuperación para a Fauna Mariña que será instalado en terreos da Comunidade de Montes de Baredo, en Baiona. As instalacións do centro permitirán levar a cabo as labores de recuperación integramente no mesmo centro sen que o animal teña que ser desprazado nas diferentes fases, e contará ademais con dispoñibilidade para ao menos catro exemplares de lobo mariño en recuperación simultaneamente. A CEMMA colaborou na supervisión e asesoramento para o deseño do centro e considera que dará un forte impulso á conservación da fauna mariña. O financiamento para a construcción ascende a un millón e medio de euros e está prevista a primeira fase constructiva durante este ano 2009.

ANEXOINFORMACIÓN ECO-BIOLÓXICA DO LOBO MARIÑO CINCENTO
Nomes comúns: foca gris (castelán), itxas zakur nabana (euskera), lobo mariño cincento (galego), foca grisa (catalán), grey seal (inglés), phoque gris (francés), foca cinzenta (portugués), grijze zeehonf (holandés), kegelrobben (alemán).

DESCRICIÓN
O lobo mariño cincento identificase facilmente por presentar un fociño longo, que é mais forte e ancho nos machos. Nestes, o perfil da cabeza é lixeiramente convexo, mentres que no caso das femias é rectilíneo.

Nesta especie apreciase un dimorfismo sexual tanto no tamaño como na coloración. Os machos miden entre 2,3 e 3 metros, e poden chegar a pesar ata 330 Kg. As femias son de menor tamaño, xa que non soen sobrepasar os 2 metros de lonxitude, e o seu peso está comprendido entre os 170-220 Kg.

Respecto á coloración da pelame, a pesar de que en ambos sexos a rexión ventral é dunha coloración máis clara que o dorso, os machos caracterízanse por presentar unha pelame gris moura, que en ocasións pode chegar a ser negro, sobre o cal se dispón un conxunto de manchas claras de pequeno tamaño. Nas femias predomina a color branca crema, salpicado por manchas mouras que son máis numerosas polo dorso. As crías nacen cun pelo longo e laudo de color branco. Ó cabo de 2-3 semanas múdano e pasan a ter unha pelame que se aproxima ó dos adultos, co pelo máis curto e cun ton agrisado.

En cada extremidade aparecen cinco uñas de igual lonxitude, estando mais desenvolvidas e curvadas as das extremidades anteriores. Os seus desprazamentos sobre terra realízanos reptando, impulsándose coas extremidades anteriores.

En canto á lonxevidade, as idades máximas rexistradas en individuos silvestres foron 30 anos para os machos e 46 para as femias.

DISTRIBUCIÓN
O lobo mariño cincento é unha especie exclusiva do hemisferio norte, que se distribúe por augas subárticas e mornas. Aínda que non se consideran subespecie, existen 3 poboacións diferenciadas: Atlántico NO (90.000 individuos), Atlántico NE (120.000) e Mar Báltico (1.200), que ademais de estar illadas xeograficamente, presentan variacións en canto á época de reprodución.

O lobo mariño cincento é o pinnípede que conta cun maior número de rexistros nas costas da península Ibérica. As nosas costas chegan individuos xoves, xeralmente cachorros que tras o destete entran en un período de dispersión, que dura aproximadamente dous anos, no cal levan a cabo unha serie desprazamentos erráticos. Estes animais proceden das colonias de cría de Inglaterra e Irlanda, e sempre se trata de exemplares solitarios que chegan entre os meses de decembro a abril, e permanecen aquí durante algúns días, semanas ou mesmo meses.

A poboación mundial estimada é de uns 225.000 individuos, e actualmente se considera en progresión.

Aproximadamente o 40% dos individuos crían nas colonias da costa inglesa.

ESTADO DE CONSERVACIÓN
Directiva Hábitat: anexos II e III.Convenio de Berna: anexo II.

REPRODUCIÓN
O ciclo reprodutor comeza no mes de setembro coa chegada das femias á colonia. Uns días despois chegan os machos, e a principios de outubro prodúcense os partos. O cachorro, ó nacer, mide uns 80 cm e pesa ó redor dos 14 Kg. A femia permanece xunto a el durante os primeiros 25 días que dura o período de lactación alimentándoo, a intervalos de 5-6 horas. Tras o destete, o cachorro pesa uns 30 Kg, e comeza a mudar a súa pelame. Permanecerá na beira, uns 15 días antes de dirixirse ó mar, onde comezará a alimentarse independentemente.

Unha vez finalizada a lactación, a femia entra en celo e se aparea varias veces, xeralmente con mais dun macho. As cópulas lévanse a cabo a principios de novembro. Entón, as femias abandonan a colonia, dirixíndose ás zonas de alimentación no mar. Non tornarán a ela ata a próxima tempada de cría. Os machos abandonan a colonia uns días despois.

Respecto á madurez sexual dos individuos, nas femias atínxese ós 4 ou 5 anos de idade, mentres que no caso dos machos, é aos 8 anos.

ALIMENTACIÓN
Aliméntanse principalmente de diversas especies peláxicas de peixes que capturan preto da costa. Aínda que en menor medida, os moluscos e crustáceos tamén forman parte da súa dieta. Durante os dous períodos do ciclo vital que transcorren en terra, muda e parto-cópula, os animais realizan un xexún absoluto.

A CHEGADA Á PENÍNSULA
Nas costas do norte peninsular comezan a rexistrarse exemplares de focas a finais de decembro, puidendo aparecer ata marzo ou abril. Habitualmente son exemplares xuvenís de dous ou tres meses pero, ocasionalmente, varan ou son observados exemplares maiores, como o macho de 230 cm e 150 Kg atopado morto nunha praia de Muros (Galicia) en febreiro de 1999, ou o macho adulto observado vivo en Lluarca (Asturias) en maio de 2000. De todas formas, o claro incremento no número de rexistros observados durante a segunda metade dos 90, e sobretodo nos dez últimos anos, foi acompañada de un incremento no período de observación (ata maio ou xuño) dos animais nas nosas costas, e dunha chegada progresiva de animais adultos, rexistrados moi esporadicamente con anterioridade.

Non se coñecen migracións definidas ou regulares, pero a dispersión despois da muda dos xuvenís de foca gris é unha estratexia natural moi importante nesta especie. Esta estratexia biolóxica, combinada con outros factores (meteoroloxía, correntes ou estado de saúde dos animais) perfilase como o motivo principal da chegada das focas ás costas cantábrica e atlántica da Península, e mesmo ata o Estrecho de Gibraltar. O traxecto desde os lugares de orixe realízase rapidamente (comprobáronse desprazamentos de entre 50 e 65 Km diarios) e é moi probable que se realice directamente, sen "escalas" intermedias nas costas francesas.

Este longo percorrido provoca que moitos dos exemplares cheguen ás nosas costas nun estado de debilidade grave, o que os fai mais vulnerábeis ás adversidades que poidan atopar, tal e como demostran as actuacións de recuperación e as necropsias realizadas polas redes de varamento actuais. As lesións mais frecuentes que se atopan nas focas que chegan á Península son:

*            Debilidade (malnutrición, deshidratación, fatiga extrema, hipotermia...)que as predispón a sufrir calquera tipo de enfermidade (respiratorias e dixestivas como máis frecuentes).*            Interacción con actividades pesqueiras e capturas accidentais en artes de pesca.*            Agresións por parte humana, ou de animais, debido á falta de información ante a presenza desta especie nestas latitudes.


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: