Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O ACTO OFICIAL TERÁ LUGAR EN COMPOSTELA

Margarita Ledo ingresará o 7 de febreiro nunha RAG case vedada ás mulleres

Converterase na quinta muller académica, fronte aos 23 homes que forman parte da institución.

Redacción - 12:55 26/01/2009

A a cerimonia de ingreso oficial de Margarita Ledo Andión na Real Academia Galega terá lugar no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da USC o sábado 7 de febreiro, a partir das doce do mediodía. Ledo lerá un discurso títulado Do bucle e da fenda. Para un ensaio crítico sobre a cultura galega, e Rosario Alvarez Blanco será a encargada de realizar a réplica á intervención da nova académica.

Margarita Ledo será a quinta muller académica da RAG, dun total de 28 membros numerarios, uníndose a Olga Gallego, Luz Pozo, Xohana Torres e a propia Rosario Álvarez. Ademais, os cargos de dirección e xestión da RAG están ocupados exclusivamente por homes (Xosé Ramón Barreiro, Salvador García Bodaño, Manuel González, Andrés Fernández-Albalat e Xosé Luis Axeitos). E as chamadas 'cadeiras pechadas', destinadas a académicos xa falecidos, corresponden todas, igualmente, a homes, un total de trinta. Finalmente, no que respecta aos 'académicos non numerarios', das 55 persoas que neste momento exercen esa función, só dúas son mulleres: Dolores Sánchez Palomino e María Teresa Barro Muñoz-Ortiz.

Da literatura ao cine, pasando pola investigación
Ledo, nacida en Castro de Rei en 1951, iniciou a súa actividade política e o seu traballo de creación cultural moi nova, e xa en 1974 tivo que exiliarse en Portugal, por mor da súa actividade política, naquel momento ligada á UPG. No Porto traballou como lectora de galego na Universidade de Letras, ademais doutras actividades, entre as que destacan as emisións radiofónicas dirixidas a Galiza. Licenciouse en Xornalismo en Barcelona e foi directora do semanario A Nosa Terra entre 1977 e 1980. De volta a Cataluña, foi profesora da Universidade Autónoma de Barcelona entre 1983 e 1991, chegando a ser catedrática; e a partir de 1991 comezou a exercer de profesora na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.

Como escritora destacan os seus tres libros de poesía: Parolar cun eu, cun intre, con inseuto (1970), O corvo érguese cedo (1973) e Linguas mortas: serial radiofónico (1989). Como narradora publicou as novelas Trasalba ou Violeta e o militar morto (1985) e Porta blindada (1990), e mais os libros de relatos Mama-fé (1983) e Historias como Barcelona (1991). É autora tamén de ensaios sobre xornalismo, fotografía e cine, como Prensa e galeguismo (1982), O diario postelevisivo (1993) ou Del Cine-Ojo a Dogma 95: paseo por el amor y la muerte del cinematógrafo documental (2003). Finalmente, nos últimos anos ven desenvolvendo un intenso traballo de creación cinematográfica, con filmes como Santa Liberdade (2004) ou Liste, pronunciado Líster (2007).


4,38/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: