Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
ESTUDO EN PROFUNDIDADE (PARTE 2)

A vela segue a estar fóra do alcance de moitos petos

Falamos con catro dos maiores clubs náuticos do país para analizar a situación actual da vela en Galiza.

Pablo García Martínez - 10:00 25/01/2009
Tags: vela
Dous rillotes mirando de darlle traza á súa embarcación

Dous rillotes mirando de darlle traza á súa embarcación

Vieiros falou con catro dos maiores clubs náuticos do país para analizar a situación actual da vela en Galiza, enfocando a nosa análise aos novos practicantes. Dos 83 clubs cos que conta o país estudamos o funcionamento do Club Náutico da Coruña, que ten 1300 socios; do Club Náutico Deportivo de Ribeira, con 575 socios; o Club de Iates de Baiona, no que están rexistrados uns 1000 socios; e do Club Náutico de Vigo, que é o máis grande do país con case 9000 socios.

A idade habitual para que os rapaces fagan a súa primeira toma de contacto co mar son os 8 anos, e adoita ser nuns cursos colectivos onde un monitor sobe a unha embarcación acompañando a grupos de catro a seis rapaces. Estes cursos duran 20 horas e o prezo para os socios dos clubs é de 30 euros en Baiona, 50 en Ribeira, 60 en Vigo e 65 na Coruña. No caso de que os rapaces non sexan socios dos clubs o custo do curso sobe a 50 euros en Baiona, 80 en Ribeira, 85 na Coruña e 100 en Vigo.

Despois deste curso os cativos que deciden continuar a practicar a vela adoitan facelo coas embarcacións da clase Optimist, pequenos barcos individuais de fácil manexo e adecuados especialmente para levar baixo peso. Neste salto os custos varían dependendo da política de cada club. Por exemplo, en Ribeira contan con poucos barcos en situación de alugueiro, polo que a maioría dos rapaces que navegan mercan o seu propio barco. Mais nos outros clubs cos que contactou Vieiros é habitual que se lles alugue a embarcación, por uns prezos que oscilan dende os 20 euros mensuais que cobran en Baiona até os case 90 da Coruña.

Estes son mecanismos que permiten aos pais asegurárense de que ao seu fillo lle gusta de verdade a vela mais, na maioría dos casos, se o rapaz ou a rapaza continúan navegando rematan mercándolle uns barcos cuxo prezo vai dende os 1500 até os 3000 euros, no caso de seren novos. A isto habería que engadir o gasto de material, que non baixaría nunca dos 100 euros no caso de tratarse dun equipo básico composto polo traxe de neopreno e o chaleco. Para rematar a lista de gastos hai que engadir os que fan referencia ao pago dos adestramentos e os desprazamentos das embarcacións para as competicións. Este apartado tamén varía dependendo da cota que se lles cobre aos mozos por seren socios. Así, na Coruña e en Baiona estes gastos van incluídos na tarifa de socio, que ascende a 40 e 45 euros respectivamente, mentres que en Ribeira non están incluídas mais a cota é de 17 euros. Un caso especial é o de Vigo, onde os rapaces que son fillos de socio non teñen que pagar taxa, máis tamén é máis difícil conseguir ser admitido como socio.

Se comparamos esta lista de gastos cos 50 euros que custa un bo par de botas de fútbol e os 15 dun balón deste mesmo deporte ou de baloncesto, ou os 50 dunha raqueta de tenis a vela segue resultando un deporte caro. Resulta cara se a comparamos cos cinco euros que lles toca repartir a dous rapaces que partillan pista de tenis, ou co euro que paga cada unha das rapazas que comparten unha hora na pista de fútbol sala. Malia o descenso dos prezos en comparación coa suba que as rendas experimentaron nos últimos anos, a vela segue a resultar cara para moitos petos e, malia que tendamos a esquecernos deles, seguen existindo moitos para os que a vela resulta simplemente inaccesíbel.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: