Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
A VELA EN PROFUNDIDADE (PARTE 1)

Un club náutico por cada catro concellos

Comeza con este informe un estudo á volta da vela, un deporte presente en moitos lugares do país mais non en todos os seus estratos sociais.

Pablo García Martínez - 09:30 23/01/2009
Tags: Vela
A vela depáranos imaxes tan espectaculares coma esta

A vela depáranos imaxes tan espectaculares coma esta

En Galiza existen hoxe un total de 83 clubs náuticos, nos que é habitual ver embarcacións de clases olímpicas como 470, láser e láser radial, ademais doutras moitas clases internacionais como son, por exemplo optimist, vaurien, cadete, snipe, 420 ou catamarán. En total a federación galega rexistrou durante o ano pasado 3201 licenzas de deportistas e 5433 de xente que só practica a vela en escolas de navegación.

Hoxe existen 10 clases de navegación lixeira consideradas olímpicas, como son RCX masculina e feminina, 470 masculina e feminina, 49er masculina, elliot match race feminina, star masculina, finn masculina, láser masculina e láser radial feminina. Estas son as clases que participan nos Xogos Olímpicos, mais hai outras moitas modalidades nas que tamén se compite a nivel internacional e alí hai regatistas galegos que cada ano traen medallas para a terra.

Galiza ten un longo historial de participantes en diferentes Xogos Olímpicos, que inaugurou o vigués Alfredo Vázquez en Barcelona 92, cando acudiu á competición na clase Soling e acadou un diploma olímpico. Despois veu Atlanta 96, e alí estiveron Antón Garrote, Xurxo Maciel e Francisco Xavier Hermida. No ano 2000, en Sidney, repetiron Garrote e Maciel, mentres que nos Xogos seguintes, celebrados no 2004 en Atenas, deuse a primeira aparición na clase tornado da parella formada por Antón Paz e Fernando Echávarri, ademais de competir Roberto Bermúdez na clase Star. Despois de catro Xogos con participación galega, en Beixín a vela subiu ao máis alto do podio coa medalla de outro acadada por Antón Paz e Fernando Echávarri na clase tornado.

Esta parella de regatistas foi a que lle deu os maiores éxitos á vela galega, xa que gañaron na súa clase todo o que había por disputar, incluídos campionatos europeos e mundiais, mais houbo outros premios individuais, como o bronce europeo acadado por Xurxo Maciel no ano 1999. Noutras clases internacionais non olímpicas é habitual ver regatistas galegos acadando medallas en campionatos estatais, europeos e incluso mundiais. No último ano destacaron o campionato estatal da clase platú 25 acadado este ano por Carlos Paz, ou o campionato do mundo xuvenil da clase vaurien gañado por Andrés e Rafa Jiménez.

En 2008 medrou o número de regatistas
A vela foi considerado un deporte elitista dende hai moito tempo, mais nos últimos anos medrou dun xeito constante o número de practicantes. Así o número de licenzas federativas solicitadas para recibir un curso nas escolas de navegación subiu das 4996 do 2007 ás 5432 do 2008. O aumento máis significativo rexistrouse na categoría infantil, onde se pasou das 2918 ás 3267 licenzas, o que supón un aumento do 12%. O adestrador de clases olímpicas da federación galega, Roi Alonso, atribúe a maior parte do mérito deste aumento ás administracións que permiten, segundo el, "que a vela sexa un deporte de todos no cando de só para uns poucos". Alonso dálle grande importancia a medidas como o programa "Vela na escola" ou a apertura dun centro de alto rendemento exclusivo para vela, en Vilagarcía.

Nesta liña de traballo enmárcanse os convenios de colaboración entre clubs náuticos e colexios públicos para ofrecerlles aos nenos o primeiro contacto coa navegación (chamado bautismo de mar) por un prezo razoábel. Paralelamente, a federación chegou a un acordo coa Fundación Deporte Galego para a implantación do programa "Vela na Escola", por medio do cal se recollían aos rapaces nass escolas e se levaban ao mar para ter o seu primeiro contacto coa navegación.


1/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: