Núñez Feijoo salienta, "como gran obxectivo de vertebración", a idea de que o 80% da poboación galega poida estar a menos de 10 minutos dunha vía de alta capacidade.
"Este Goberno non foi capaz de aprobar un plan de infraestruturas en catro anos e nós comprometémonos a facelo nos primeiros 100 días de goberno", subliñou o presidente do PpdeG, Alberto Núñez Feijoo, durante a presentación este martes na Coruña do esquema de programa de infraestruturas do seu partido. Feijoo aproveitou a cita para resucitar a idea do "Plan Galicia", sinalando que será baixo esa marca coa que o PP despregará, de chegar ao poder, os seus compromisos neste ámbito.
A aposta polo que definiu de "política integral de ferrocarril", é unha das suxestións estrela do programa do PP, que inclúe o compromiso para unha "política concreta" desde o punto de vista da proximidade. Nesa liña, sinalou como prioridade a chegada do ferrocarril aos portos do país e criticou o actual levantamento de vías de proximidade, propondo fronte a iso a introdución de catro liñas de tren de proximidade nos eixos A Coruña – Betanzos – Ferrol; Santiago – Vilagarcía; Tui – Porriño – Vigo – Pontevedra; Ourense – O Carballiño – Taboadela. O proxecto sería xestionado por un "ente ferroviario" galego que, segundo Feijoo, seguirá modelos xa aplicados en Andalucía, Cataluña, Euskadi ou Valencia.
Consorcio metropolitano
Crear un Consorcio de transporte "ao que se invitará a todas as administracións", é outra das suxestións programáticas principais do PP cara ao 1M. A fin do proxecto sería a procura da coordinación administrativa, a integración tarifaria e o complemento dos medios de transporte. "O obxectivo do PPdeG non só é chegar antes, senón que é chegar seguro, chegar máis barato, respectar o medio ambiente e trasladarnos da forma máis cómoda posíbel", dixo ao respecto o líder dos populares. Na mesma liña, falou do impulso de plans de transporte metropolitanos para as sete grandes cidades, un ámbito onde cualificou de inactivo o actual executivo. Explicou Feijoo que se trataría de cubrir "desde o punto de vista do transporte público, o 65% da poboación galega, máis de 1.650.000 persoas".
Por outro lado, os populares quixeron destacar tamén a idea dun "plan de aparcadoiros disuasorios metropolitanos. Despregaríanse á entrada das cidades, con baixo custe "para que a xente poda deixar o seu coche, coller un autobús, tomar un tren de mercadorías ou de longa distancia, ou coller un avión" sen entraren cos seus vehículos ao centro das urbes.