O premio de decembro foi para unha mensaxe dun suposto usuario ao que se lle infectara o procesador cun virus por descargar arquivos.
A campaña Se es legal, es legal, posta en marcha polo Ministerio de Cultura para concienciar a poboación contra o intercambio de arquivos con dereitos de autor, conseguiu ser burlada polos internautas. De feito, o testemuño que gañou o premio do mes de decembro é falso.
Segundo se indica no blog do avogado David Bravo, a disparatada mensaxe, escrita con erros ortográficos, foi proposta por un usuario do foro Forocoches. O comentario premiado está escrito por un presunto estudante que asegura: "Contáronmo no colexio, entrei e baixei películas, entráronme virus e tiven que cambiar o CPU porque os virus se meteron no procesador. Non baixedes coisas, son xente que pon cousas malas dentro dos arquivos e róubanche os datos, as túas fotos, os teus roto2 e todo!!! Sé legal FACILMENTE!!!"
Bravo sorpréndese polo feito de que a mensaxe superase o filtro do moderador da web do ministerio e, máis aínda, por que un xurado de persoas supostamente expertas valorase algo tan incríbel como que un virus entrase no procesador e roubase fotos.