No mesmo acto electoral, o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, agoirou que os cidadáns castigarán o PP por manter unha actitude "obstrucionista" co Estatuto.
"O BNG é a única forza política que ten expresado até o de agora a súa preocupación polo territorio", reivindicou este luns a cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Teresa Táboas, durante a súa intervención nun acto público no concello do Grove. A tamén conselleira de Vivenda aproveitou para defender a compatibilización dos sectores turístico e pesqueiro e a aposta programática en favor dun "turismo de calidade, sostíbel co territorio" que una os usos económicos do territorio como o marisqueo e a pesca, "modos seculares de produción na ría de Arousa" con outros aproveitamentos económicos.
Do mesmo xeito, alertou Táboas contra os excesos do urismo "de segunda residencia", advertindo de que o territorio "é un dos sinais de identidade de Galiza, e é ademais finito polo que debemos coidalo". A candidata nacionalista puxo como exemplo do urbanismo sostíbel que defende o Bloque as actuacións de humanización, reocupación do patrimonio e do espazo público no barrio da Virxe das Mareas. "O espazo público é un lugar de convivencia, o sitio onde a xente se relaciona e debe ser recuperado para a cidadanía e polo tanto humanizado para que todos disfruten del", afirmou ao respecto.
Pola súa banda, o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, dixo estar seguro de que os cidadáns "castigarán democraticamente a actitude do PP" e afirmou estar convencido de que "premiarán os que nas súas antípodas promoven o desenvolvemento nacional do noso país e fomentan o benestar dos seus cidadáns". Quintana reprochoulles aos populares que se laien de que Galiza "non vai ter o financiamento que necesita cando foi el o que o impediu ao vetar o novo Estatuto". "A estas alturas ninguén sabe se na próxima lexislatura o señor Núñez Feijoo vai manter ese veto aínda que é fácil deducir o que fará, porque quen cala, outorga, e o PP manterá a súa actitude obstrucionista", lamentou o líder dos nacionalistas. De paso, engadiu estar confiando en que o "resultado histórico" que prognostica para o Bloque o 1M "creará as condicións necesarias para que este país se dote dun novo Estatuto de nación".