Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Chegou o día do Nsaio Xeral

"É unha maneira de coñecer xente deste mundo, facer colegas, comentar ideas... de aquí saen cousas"

Máis dun cento de grupos e bandas emerxentes de todo o país xuntáronse en Compostela, para aprender a mover os seus discos, coñecer outros grupos e amosar o que fan. Vexa o vídeo no interior.

A. Rodríguez / Vídeo: Isabel G. Couso - 20:25 17/01/2009
O Nsaio Xeral xuntou unhas 400 persoas en Compostela

O Nsaio Xeral xuntou unhas 400 persoas en Compostela

Este sábado o instituto Rosalía de Castro de Compostela estaba cheo de músicos de toda Galiza, que acudiron en masa a presentar os seus proxectos, maquetas, cedés, vídeos, traballos... ante os colegas, os produtores e a xente que se quixese achegar para saber un bocado máis do que está a acontecer na música emerxente en Galiza. Comezaba o Nsaio Xeral.

En total unhas 103 bandas estaban chamadas a amosar o que fixeron en todo este tempo, nun cásting que se repartiu entre a mañá e a tarde. O Leo i Arremecághona era o encargado de ir chamando, un por un, os grupos, que subían ao escenario do salón de actos do instituto compostelán ensinar os seus vídeos, poñer un tema seu de fondo e presentarse, describindo un chisco o seu traballo e facendo pequenas declaracións de intencións, que os xuíces, sentados na primeira fileiras, avaliaban en cadansúa folla. En xogo está a oportunidade de optar a 24 concertos do programa Vai de Camiño e oito da Rede Galega de Música ao Vivo. Ademais, de poder entrar en contacto cos axentes económicos dedicados á produción e difusión musical que operan en Galiza.

Mais, alén de coñecer produtores, xente das discográficas, distribuidores... o día deu para moito. Había membros de bandas que xa levan tempo tocando, e tamén aqueles que non comezaron en serio -sacando disco ou arranxando concertos- até hai nada, e que procuran un espazo de seu. Todos eles e elas tiveron unha oportunidade de coñecer outra xente e facer contactos, mais tamén de aprender nos obradoiros de promoción web -impartido por A Regueifa e Komunikando-; de imaxe -impartido por A navalla suíza-; de manágement -impartido por Nordesía e Abada-; de deseño -Mutante e 100l. M2-; e os máis solicitados, o de edición e distribución -impartido por Falcatruada e Lonxa Cultural-, e o de promoción e axuda legal, no que se informou aos asistentes do mundo dos dereitos de autor, e que estaba ao completo.

Ás 19:00 horas, como fin de festa, estaba programado un concerto aberto a todo o mundo e de balde co directo de Chámalle Xis, Mito Crónico, Ruxe Ruxe e Equilibrio H.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: