O portal ofrece edicións facsímiles de publicacións históricas da emigración, así como especiais de Rosalía e Martín Códax, e prepara os de Pondal e Curros
Segundo os seus responsábeis, www.letrasgalegas.org nace coa vocación de converterse nun espazo de referencia para obter información sobre o patrimonio literario galego. A web é unha iniciativa da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes en colaboración co Centro Ramón Piñeiro e está coordinada polo profesor Anxo Tarrío. Na presentación do portal contrastou a importancia outorgada á web polos seus responsábeis coa limitación, polo de agora, dos seus contidos. Por exemplo, a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, salientou que accións como esta serven para poñer en valor e "facer chegar a todos os recantos do mundo a riqueza da lingua, a literatura e a cultura de Galicia". E en termos semellantes expresáronse Darío Villanueva ou Anxo Tarrío.
Letrasgalegas.org dispón apenas de cen obras para a súa consulta pública, a maior parte libros editados polo propio Centro Ramón Piñeiro (CIRP), ou xa dispoñíbeis previamente, como os especiais dedicados a Martín Códax e Rosalía pola Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, e un bo número de estudos críticos publicados polo CIRP.
Entre o máis interesante do portal está o acceso ás edicións facsímiles de varias publicacións galegas na diáspora publicadas a comezos do XX, como Eco de Galicia (A Habana, 1917-1936), Galicia (Centro Galego de Caracas, 1952-1954) e Tierra Gallega (Montevideo, 1917-1918). E tamén a fonoteca, na que se poden escoitar, recitados, poemas de Rosalía, e con acompañamento musical de Martín Códax. Neste 2009 espérase que se incorporen á web dous novos especiais, dedicados a Pondal e Curros, semellantes ao xa existente sobre Martín Códax. En definitiva, unha nova iniciativa para colocar as nosas letras na rede, que se vén sumar a moitas outras, como a Biblioteca Virtual Galega da Universidade da Coruña, e que sería positivo coordinar dalgún xeito.