Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Conflito coa Federación

A Coruña pode quedar sen fútbol afeccionado

Este martes vaise anunciar a folga de partidos, que comezará polos encontros dos máis novos e pode ir ampliándose ás outras categorías.

P.G.M. - 18:00 13/01/2009

Até o momento a Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña desfrutaba dun acordo non regulado mediante o que era a federación quen recollía os ingresos do despacho de billetes dos clubs adscritos á AFAC e tamén se encargaban de pagar aos árbitros. A Federación Galega de Fútbol decidiu rachar unilateralmente o acordo, comunicándoo aos equipos mediante carta, e isto provocou as protestas da asociación de fútbol afeccionado.

O acordo tiña máis de 50 anos e era único dentro do fútbol galego, xa que ningún outro club ou asociación dispoñía destas facilidades. Nel incluíase a creación dun fondo común coa federación e neste fondo a asociación de equipos coruñeses ía ingresando o diñeiro necesario para pagar aos árbitros até o final da tempada, xestión da que se ocupaba a federación.

O sistema funcionou correctamente até que este ano a federación decidiu desentenderse dunhas obrigas que non lle corresponden por lei. Isto é así porque, ao tratarse dun acordo informal, non teñen ningunha obriga de manterse fieis a el. Ademais, unha vez disolto o mesmo a federación non está forzada a facerse cargo do pago aos árbitros, polo que a reclamación da AFAC atende ás cuestións éticas deste problema, e non ás legais.

A AFAC critica as formas
A asociación protesta polo momento e o xeito da medida, que foi anunciada recentemente, coa tempada xa iniciada. Dende este organismo critícase que, polo menos, non se agardase até o final da competición e láianse da persecución que, segundo eles, sofren os que se opoñen nun momento dado ao presidente da federación galega de fútbol, Xulio Meana. Na Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña pensan que o motivo foi un enfrontamento durante unha asemblea da federación galega o pasado verán, onde os representantes da asociación votaron en contra da aprobación das contas referentes ao exercicio anterior.

A federación non se pronuncia
Dende a federación explicaron que se tratou dunha decisión persoal do presidente e limítanse a recordar que non incumpriu ningunha lei por tratarse dun acordo non regulado.

Mil nenos e nenas quedarán esta semana sen fútbol
A asociación convocou para este martes unha rolda de prensa onde van anunciar as medidas de protesta. Estas medidas comezarán coa suspensión dos partidos de fútbol 7 prebenxamín, benxamín e alevín, que deixarían sen xogar a uns mil mozos e mozas da cidade. Podemos estar só ante o inicio dun longo pulso onde, xa que a AFAC representa a 32 clubes que constitúen case 5000 fichas federativas, e a folga podería irse estendendo ás demais categorías. Os principais prexudicados, como de costume, serán as mozas e os mozos que quedarán sen xogar por mor dun problema que non ten moito que ver con eles.


4,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: