Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MOSTRA FOTOGRÁFICA NO VERBUM

A ollada de Blanco Amor

A exposición, que se inaugura este martes en Vigo, recolle 50 imaxes tiradas polo escritor no seu traballo xornalístico, ademais de fotografías persoais.

M.S.P. - 18:45 13/01/2009

Blanco Amor deixou, segundo diversas fontes, un arquivo de máis de tres mil fotografías. A Editorial Galaxia publicou no 2005 dúascentas destas imaxes en A Ollada do Desexo. Agora a propia editorial organiza unha mostra, de título homónimo, na que presenta unha escolma de 50 fotografías que se poderá ver no Verbum de Vigo até o 15 de marzo.

O xornalismo foi a súa actividade preferente e o seu medio de subsistencia, complementado con outros traballos que a medida que aumentaba a súa fama como escritor foron ligándose cada vez máis ao mundo cultural: conferenciante, profesor... Traballa en El Despertar Gallego, xornal do que é director, Galicia, La Nación, El Pueblo Gallego, La Hora... Grazas á súa actividade xornalística viaxou moito, por Arxentina e por toda Sudamérica, unhas xornadas que tiveron como froito o libro Chile a la vista, publicado primeiro como reportaxes soltas. Viaxou así mesmo por España e Italia e tamén polo norte de África, do que hai numerosos testemuños gráficos, aínda que non puido publicar reportaxe ningunha.

Nestas crónicas de viaxes hai un grande interese divulgativo que elevan moitos destes traballos á calidade de "verdadeiros traballos de antropoloxía cultural", en palabras de Riveiro Espasandín. Na mostra, ademais destas crónicas, atopamos autorretratos, retratos de García Lorca ou Aitana Alberti, de persoeiros da Segunda República, ou imaxes de emigrantes en Bos Aires.

Blanco Amor, xornalista
Do seu traballo como escritor, Blanco Amor adoitaba dicir que "non facía novelas, senón xente", algo que se podía estender ao seu traballo xornalístico. A este respecto Xosé López e Marta Pérez Pereiro escribiron na introdución á escolma de Artigos en La Nación, publicada por Galaxia, que "como profesional que dominaba a arte de relatar o que pasaba na sociedade, contou as cousas que foi vendo (...) A brillantez e eficacia estilística da súa prosa non fixo que esquecese os tres principios básicos do xornalismo de rúa, do xornalismo puro e duro: ir, ver e contar".

Gustavo Luca de Tena resumiu a actividade xornalística de Blanco Amor dicindo que "a literatura de Eduardo é unha planta levantada no fermento do xornalismo que foi a súa propia vida: dura, dialéctica, aventureira, contra tantos convencionalismos das ideas, da estética e da moral pequeno-burguesa".


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: